Está vendo o arquivo da categoría » bitraga

 Por fin tiven acougo para debullar «La traducción literaria gallega contemporánea. Intratraducción y Extratraducción», o traballo da profesora Iolanda Galanes Santos  incluído no libro La traducción literaria. Nuevas investigaciones (Comares 2016). Iolanda Galanes presenta un panorama completo do estado da tradución literaria galega contemporánea, mesmo afondando nos seus antecendentes históricos, utilizando como fonte principal o Catálogo da Tradución Galega do Grupo Bitraga da Universidade de Vigo do que forma parte. Identifica no período 1980-2015, coincidindo coa institucionalización do galego, co desenvolvemento profesional do sector da edición e dos estudos universitarios de tradución e interpretación, 4.603 traducións, das que 1.540 son extratraducións (obras galegas verquidas a outras linguas), sendo a LIX o motor da tradución galega e a narrativa, máis en concreto o subxénero da novela, o tipo de texto máis traducido neste período.

Entre outros datos salientables, Galanes sinala que até agora foron 43 as linguas que entraron en contacto coa galega a través da tradución sendo no caso da intratradución o español (795), inglés (683), francés (428), alemán (234) e italiano (161) as de orixe máis traducidas; mentres que no caso da extratradución o maior volume foi para o español, catalán e éuscaro, feito que para a autora «non é alleo o importante papel da lix na historia da tradución galega na súa fase comercial».

Por último, Galanes ofrece dous cadros esenciais para comprender o estado da nosa tradución. No primeiro, referido a Intratradución, aparecen como os autores máis traducidos ao galego para público adulto Arthur Conan Doyle, Shakespeare e Poe, mentres que para o publico de LIX, son Grimm, Alcantara e Andersen, ademais dos cómics de Tintín e Astérix. No segundo, no caso da Extratradución, os autores galegos para público adulto máis traducidos son Manuel Rivas (a 25 linguas), Rosalía de Castro (a 16), Suso de Toro (a 13) e Xosé Neira Vilas (a 13); mentres que Agustín Fernández Paz (115 traducións) e Fina Casalderrey (103) son os que contan con máis tradución dirixidas ao publico LIX.

Debullando no artigo, insisto moi vizoso e ben traballado, sabemos que a obra galega máis traducida a outras linguas (25) é O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, mentres o título que conta probablemente con maior número de edicións é Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz.  Entre as conclusións do artigo destaco o feito de que para Iolanda Galanes a pesar de que «o aumento de referencias e espazos [de tradución] foi exponencial, non podemos considerar que se producira un diálogo con todas as culturas nas que se entrou en relación, ainda que se realizasen importantes avances, especialmente nos últimos anos». O dito, un traballo de referencia sobre o estado da tradución galega, ao que cómpre volver.

Mención á parte merece o conxunto do volume, La traducción literaria. Nuevas investigaciones, do que son editoras a propia Iolanda Galanes, e as súas compañeiras do grupo Bitraga, Ana Luna Alonso, Silvia Montero Küper e Áurea Fernández Rodríguez, no que se inclúen outros traballos de grande interese para o coñecemento da edición galega. Singular importancia ten o capítulo asinado pola profesora María do Cebreiro Rábade Villar «Lecciones de economía poética. La traducción de poesía en Galicia, Euskadi y Cataluña (2010-2015)».