Onte 1858: “Galegocalantes e galegofalantes” de Carlos Callón
Carlos Callón confesou onte na presentación de Galegocalantes e galegofalantes, a obra que pecha a triloxía iniciada por En castellano no hay problema e continuada en Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, que coa publicación deste libro pretende contribuír a activar o debate social sobre o idioma galego, que na actualidade está nunha encrucillada.”Somos unha lingua que deberiamos dar por morta, na que non se estrea ningunha película de animación cada ano ou na que non hai posibilidade de sacar o carné de conducir, mais hai razóns para a esperanza sobre o seu futuro mesmo a pesar das moitas couces que recibiu, o auténtico mérito do galego e estar vivo”. “Non teño dúbida de que hai máis demanda de galego ca de oferta de galego. Falta acción dos poderes públicos, dende a Administración Xeral do Estado, que rexeita documentación presentada na nosa lingua, até a propia Xunta de Galicia, que non está á altura do que dita o Estatuto de Autonomía no que atinxe a promoción do galego”.
Carlos Callón considera que “este libro non é pesimista, xa que hai motivos para estar preocupados, pero tamén hai precedentes de activación na súa defensa e promoción”. Nesta liña o autor reclamou “non só ao Partido Popular, que tantas couces deu ao galego, tamén os partidos da oposición, PSOE, En Marea e BNG, que teñan unha posición máis activa na defensa da nosa lingua”. “Todas as administracións teñen a súa responsabilidade, non abonda con expresar amor a nosa lingua, deben facer unha política de activación lingüística expansiva e inclusiva”. Rematou a súa intervención presentando a estrutura do libro, no que se inclúe unha primeira parte de análise sobre as posibilidades de activación dos galegocalantes e de unión dos galegofalantes, unha segunda de reflexión e acción sobre as estratexias para facelo, para rematar con dous epílogos, a transcrición do debate con Carlos Luís Rodríguez e a unha escolma de noticias nas que o galego aparece nos medios de comunicación galegos identificado coa delicuencia.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir