Manuel Bragado Rodríguez

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Na actualidade, orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994 ao de abril de 2018, empresa na que traballou dende 1990. Licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago (1976-1981), foi profesor da materia «Edición e actividade editorial» do Mestrado en Edición 2009/2010 das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

É presidente da Fundación Luzes e membro do consello editorial da revista Luzes, secretario da Asociación Premios da Crítica de Galicia, membro do Instituto de Estudios Vigueses, do padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro, da Sociedade Jules Verne de Vigo, de ProLingua, de Nova Escola Galega, do STEG e de Amnistía Internacional.

Foi presidente da Asociación Galega de Editores (2010-2014), de Culturgal (2014-2017), da asociación pedagóxica Nova Escola Galega (1986-88), director da Revista Galega de Educación (1986-2000), membro da sección de «Lingua, literatura e comunicación» do Consello da Cultura Galega e redactor do documento «Lingua e edición» da ponencia de Lingua e Cultura do Proxecto Galicia 2010.