Vinte e cinco
Case todos os anos imos a Compostela o vinte e cinco. Onte foi un dos mellores que recordo, e non só porque a Quintana estivese ateigadiña e o discurso fose magnífico e esperanzador (gustoume moito a sucesión de metáforas coa que rematou: Curros, Novoneyra, Celso e Novoneyra de novo, “… a forza do noso amor non pode ser inútil”), se non e, sobre todo, porque no Festigal (cada ano consolídase máis) se percibía alegría e disposición a emprender unha ilusionante nova tirada.
Satisfacción que non ocultaba, en varias conversas que tiven, a enorme preocupación pola situación de Vigo. Non entendo as razóns que levan aos concelleiros nacionalistas vigueses a axudar a manter de facto a Corina (cos seus modos autoritarios) á fronte do concello. Temo que esta defensa numantina do Plan Xeral poida volverse coma un bumerang contra o BNG e erosionar gravemente a credibilidade do goberno conxunto. Para as executivas nacionais do PSdeG-PSOE e BNG é imprescindible endereitar esta deriva de Vigo.
A culpa do de Vigo tena a “Voz”, disque.
Non coñezo Vigo o suficiente como para poder opinar sobre o PXOM, pero eu diría que un plan que vale tanto para un governo do PP como para un do BNG non pode ser moi bo…
Corina e Figueroa saben que mentres estea pendente a aprobación do PXOM teñen ao grupo municipal do BNG atado de pés e mans. Agora mesmo xa falan (cando antes da convocatoria de eleccións eran todo presas) de adiar a aprobación para o outono. Mentres tanto, o arroz da moción de censura vaise pasar e Corina (unha alcaldesa que non recibe a ninguén, e moito menos aos discrepantes con ela) vaise asentando. Non hai dúbida que xa ten un mérito: ela soíña conseguiu marcar a axenda política viguesa (a pesar de que conta, teoricamente, con só 10 dos 27 concelleiros).
Sobre o PXOM de Vigo somos moitos os progresistas que temos dúbidas serias sobre a pertinencia de todos os seus contidos; aínda que, tamén, creo que negociando algunhas cuestións podería chegarse a un acordo posible. Ademais, está a posibilidade real de celebrar un referendo, o que complicaría moito máis atopar unha saída. Outra vez demóstrase que Vigo é unha república revolcada. Está enleada (a pesar das saídas de Ventura e Castrillo) non ten un arranxo doado.
Pois eu este ano non fun. Supuxen que agora que pillaron cacho moitos se subirían ao carro, coma así parece que foi.
Pois eu tampouco coñezo Vigo o suficiente, pero se existe un plano que vale tanto para o PP como para o BNG, malo de todo non debe ser.
Gustariame que alguén explicitase os graves problemas que presenta este plano. Sobre todo porque dende ámbitos moi diversos xa se da por feito que é un auténtico desatino… cuestión que outros aproveitan para misturar ao BNG vigués con intereses inmobiliarios e en definitiva coa corrupción (ademáis de poñer en tela de xuízo a profisionalidade e mesmo a honorabilidade da equipa redactora do plano).
É por iso polo que, creo eu, deberiamos ter coidado cando emitimos opinións sobre este asunto.
nygardsvej, din que ao (destituído) funcionario encargado do Patrimonio Histórico non lle molaba nada o PXOM, e imaxino que el debe ter algo de criterio.
Paréceme a min que non vai haber moción. Non esqueza que en maio do 2007 hai eleccións municipais, así que a pouco que Corina acabe o ano alcaldando poderá acabar sen problemas a lexislatura. Non tería moita lóxica presentar unha moción ao longo do ano que vén, a uns poucos meses de pasar polas urnas. Supoño que dentro do PSdeG haberá xente pensando que dúas mocións en catro anos vai ser demasiado, e que esa sensación (obedeza ou non á realidade) de que son hoxe por hoxe a única oposición no concello lles beneficia enormemente de cara ás próximas eleccións. Para daquela vailles faltar o pelo dun carneiro para a maioría absoluta. Apostamos algo?
Exactamente ese é o meu temor Pawley. Non sería bo para o goberno conxunto perder, na primeira convocatoria electoral, o primeiro concello de Galicia.
Sobre o PXOM teño expresado as miñas dúbidas en varios artigos , sobre todo no que fai referencia a unha densidade edificatoria moi elevada en determinadas zonas, xustificada por unha estimación de crecemento demográfico cuestionada por técnicos que me merecen toda a consideración. Con todo, non semellan criterios insalvables nunha negociación; cando hai outras cuestións do PXOM expléndidas (sexa o tratamento da beiramar ou do corredor do Lagares). Non se me ocorre nin pensar nas razóns das que fala nygardsvej. Trato de matizar moito as miñas opinións, sen caer (como tantas veces adoita) en maniqueísmos.
Desculpas polo anterior enlace errado .
Referíame ao uso interesado doutra xente, por suposto…
En canto ás estimacións demográficas, teño un coñecemento parcial de como puideron ser feitas; están moi influenciadas polo fortísimo aumento da poboación ocupada en Vigo na última década (perto dun 50%, dende uns 90.000 até uns 130.000 máis ou menos).
Pawley, outros técnicos -senón me equivoco- si que estaban a favor dese proxecto. Entre eles o xerente de urbanismo que fora consensuado (porque así o esixíu o PSOE de Príncipe) no anterior mandato e que ocupou tal posto dende o inicio até practicamente o final da redacción do PXOUM. Por certo, razón máis que sólida para reclamar que el seguise sendo o xerente… o PXOUM é un documento estratéxico en calquera concello.
En fin… tampouco sei que solución ten o de Vigo. Mesmo vos os dous apuntades -semella- maiorías absolutas diferentes partindo de razonamentos semellantes. Creo, en calquera caso, que non debería ser difícil disasocialo da dinámica política do conxunto do País (e isto non significa condenarvos a 4 anos máis de governo popular).
A “Voz” é un dos arietes contra o PXOM de Vigo e iso ainda non sei moi ben que significa…¿?
Insisto en que eu non podo xulgar o PXOM, pero si parece evidente que un plano coma ese debe acadar o maior consenso posíbel, e non me refiro tanto a “consenso político” como a “consenso técnico”. Se hai xente que discrepa en aspectos puntuais, haberá que revisalos e negociar, cousa á cal non parece estar moi disposto o PP de Corina.
Por certo, brétemas, a maioría á cal eu me refería é a do PSdeG, que de aquí ao 2007 vai manter todos os seus votos e recoller en Vigo un feixe dos do BNG…
O PXOM acumula variados informes desfavorables (ocultados -agás o da COTOPV, durante meses polo PP e o BNG e que sacou á luz a malhadada VOZ DE GALICIA informándonos “interesadamente” do que nos interesa como cidadáns:
– Parcialmente a COTOPV
– Desfavorable da Dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia “por non protexer adecuadamente o patrimonio cultural do municipio”
– Desfavorable do servicio de Medio Ambiente do Concello de Vigo, que di que o estudio de sostibilidade do PXOM (documento obrigatorio) fai augas por todas partes.
– Desfavorable do Servicio de Patrimonio histórico do Concello de Vigo
– Desfavorable da Oficina de Planeamento Urbanístico do Concello de Vigo (nada menos!!)
O documento que apoia descarada e interesadamente (subvencionadamente) o FARO, o PP, o BNG e APROIN non parece precisamente un dechado de virtudes.
Pero a culpa tens a VOZ por informar e os técnicos que cumpren a súa obriga de informar…
brétemas ¿cal é a actuación boa en Beiramar? ¿Os peites de 20-6-20 en primeira liña do litoral?