«Vigo Transforma» ou o galego desaparecido

O programa de Vigo Transforma é xeitoso, interesante, mais cando coñecín a web produciume enorme desacougo que de alí desaparecese completamente o galego. Un feito absolutamente inaceptable nun evento organizado polo Xacobeo 10, organismo dependente da Consellaría de Cultura e Turismo; máis incoherente aínda cando pretenciosamente o festival preséntase adornado cun concepto de sostibilidade dun «acontecemento social cultural que se involucra na cidade». Acaso en Vigo ou en Galicia non falamos tamén o galego? Vai forma de involucrarse coa cidadanía! Parécenos moi valioso facer en Vigo un festival de música independente e de novas expresións artísticas e creativas (non imos debater ni os contidos do programa nin o modelo de organización e financiamento), mais negar outra volta a nosa lingua, facer desaparecer o galego da web do evento, sen tan sequera ofrecer a posibilidade dunha tradución ao galego (xa non pedimos máis) é un escándalo. Anóxame máis cando vexo na grella de patrocinadores institucionais á Tenencia de Alcaldía de Vigo, Concellaría de Cultura (que incumpren a Ordenanza vixente de Normalización Lingüística) e Puerto de Vigo. Non podemos nin debemos calar, esiximos que os organizadores de «Vigo Transforma» pidan desculpas decontado e presenten toda a súa publicidade tamén en galego, é un dereito que nos asiste aos cidadáns que usamos esa lingua.

5 comentarios
  1. Antón do Corsario
    Antón do Corsario Dice:

    O mesmo aconteceu coa movida StarWars en Compostela… na súa web e comunicacións públicas non hai galego por ningures.
    O andazo de pailanismo aviar* ven forte este ano! debe ser á PPrimavera.
    Saúdos

    *(tamén chamado gripe azul ou quenturas de “gallinita”)

  2. Pedro
    Pedro Dice:

    Penso que non ten moito que ver o de Starwars, iniciativa privada e sin subvencións que poden facer o que lle pete, e o da historia esta de Vigotransforma. Contrariamente ao que opina Brétemas, a min si que me importa o modelo de xestión e financiamento, pois semella que os organizadores, polo menos os da empresa Music2day, tiveron estreitos vínculos empresariais co xerente do Xacobeo, patrocinador do evento. A clarificación dos investimentos públicos, nun momento como este, paréceme prioritario.

  3. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Claro que me interesa o modelo de xestión, mais non era a razón de ser do meu comentario que pretendía denunciar apenas o modelo lingüístico. Á luz do que comenta Pedro, non estaría de máis que o xerente do Xacobeo explicase as súas relacións profesionais con Music2day. Está claro que con este goberno galego, a pouco que rañes, aparece outra ferida.

  4. Antón do Corsario
    Antón do Corsario Dice:

    eu teño que rectificar (en parte) e dicir que os de StarWars si fixeron uns cartaces en galego (menos da unha pedra)… cousa básica se queres facer un evento en Santiago, cidade onde case todo o mundo emprega o galego coma primeira lingoa porque lle peta.
    Tamén comentar que certo é que no caso de apoios en forma de subvencións a cousa é máis grave, pero a sintomatoloxía é a mesma.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Iago Martínez. Iago Martínez said: RT @bretemas: «Vigo Transforma» ou o galego desaparecido, anotación no blog, http://bit.ly/cOQ9oY […]

Los comentarios están desactivados.