Un paso adiante, outro atrás
Tras o regreso esperanzado de Compostela da tarde de onte, hoxe volvemos a realidade e comprobamos que a saída ao conflito da derrogación do decreto de fomento do galego vai ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as primeiras declaracións do conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística volven a intraquilizarnos moito. A verdade que nos deixan como estabamos antes do nomeamento de Lorenzo. Cos termos e argumentos que utiliza o conselleiro de Educación é imposible, hoxe por hoxe, recuperar o consenso alicerzado sobre o Plan Xeral de Normalización de 2004. Cantos pasos adiante, cantos atrás?
No entanto, dos importantes acontecementos da fin de semana podemos adiantar tres tendencias para sacarlles punta no debate:
– A importante manifestación (tanto polo número de persoas que convocou, como pola súa pluralidade) amosou que aínda existe un músculo cívico potente no país. Unha nova excelente, que impregna o comezo de lexislatura de forma esperanzadora.
– Non volveremos a reiterar que a lingua é un patrimonio de todos, sen excepción de clase ningunha; razón pola que a ausencia dos socialistas na manifestación de Compostela foi unha torpeza maiúscula. Como, tamén o é, a defensa “nominal” que do decreto de fomento do galego fai Mar Barcón empregando o castelán. Se con este xesto os socialistas pretenden visualizar o seu afastamento dos nacionalistas, amosan unha inxenuidade delirante.
– Porén, a posibilidade dun pacto encuberto entre o PPdeG e PSdeG sobre a reforma do decreto, que deixe fóra aos nacionalistas, é unha hipótese que cada vez semella máis verosímil. Eis está ese novo consenso do que se comeza a falar?
Ao ver os vídeos da rolda de prensa en vieiros, no meu parecer hai unha manchea de interrogantes, entre outros, até que punto son compatíbeis Lorenzo e Vázquez.
Vázquez mencionou aos pais. Onte en Compostela había moitos páis pero sobre todo, había moito mestre.
Dentro do PP creo que hai dous grupos: os que saben que tecnicamente gañaron as eleccións con menos votos có PSdeG e o BNG e os que só miran cara os escanos.
Paréceme unha situación interesante porque o PP ten un misto nunha man e un bote de gasolina na outra. E dependendo de se é zurdo ou diestro pode pasara de todo. Penso que a tensión vai aumentar e motio, pero xa antes da manifa Feijóo sabía que ten un problema moi, moi serio e non leva nin dous meses de goberno.
Nunha hipotética aposta: Lorenzo dura máis no goberno ca Vázquez.
Ou visto doutro xeito: onte había votantes do PP en Compostela. E máis ca na manifa de GB.
Resúltame curioso que fale de pluralidade e, na seginte liña, diga que os socialistas non estaban…
Debe ser a mesma pluralidade da folga no ensino. 🙁
Cesare: ben coñece que a pluralidade non alude só ás siglas políticas. Na manifestación vin xente, que ben coñezo, de diversas orientacións ideolóxicas. Estou con Syldavija que o número de ensinantes era moi elevado.
Navarra, Euskadi, a ilegalización de Iniciativa Internacionalista…. Alguén dubida da política que van seguir PSOE e PP de cara ás cuestións relativas á pluninacionalidade do Estado?
E o máis irónico é que sexa no ano Piñeiro. Onde están eses “galeguistas” que impregnaron todos estes anos os partidos estatais? Cando comeza a revolta dos cipaios? Xa están tardando.
Hai un detalle curioso: os mestres, a nivel individual, levan aturado un par de acusacións graves; se na escola hai imposición lingüística e os alumnos non teñen liberdade (GB dixit e PP repetiu) os mestres están a ser acusados -directamente- de ser a ferramenta de imposición. Se ademais da indefensión dos mestres (meu pai, miña nai e máis a miña irmá sono) perante un pai engadimos estas acusacións, temos enriba da mesa a folga, con pluralidade e non necesariamente ideolóxica.
GB sempre falou da liberdade dos pais e a vontade dos pais… pero, e os mestres??? Feijóo non é parvo e sabe que:
GB son unha minoría á que se lle fixo as beiras.
Os mestres están en contra de que se lles acuse disto e daquilo…
As asociacións de pais do máis variado (a entrevista n’A Nosa Terra a un representante de escolas católicas daba de cheo) están en contra de GB.
Pode ter a un pirómano de conselleiro de educación se ten bombeiros… agora, se os bombeiros están en folga igual o lume prende no teu mato…
Sinceramente, Feijóo vai ter que fiar moi fino…. e recuará… o que pasa e que ten que o facer sen parecer que recúa.
Por certo, e perdón pola mazada. Ao estar moi lonxe de Galiza falei con moita xente que foi fisicamente á manifa. Un comentario moi, moi curioso que todos comentaron: moito castelanfalante.
efectivamente, o tema da lingua pode ser moeda de cambio nun nivel estatal entre Pp e Psoe, o que pode explicar a distancia do psoe. Ou ben pode explicarse porque no Psoe non estean dispostos a facerlle segudismo ó Bng de cara máis agresiva (as manifestacións da Mesa sobra o nomeamento do Secretario Xeral), ó que culpan da perda da Xunta.
en calquera caso, convén ter a cabeza fría nesta cuestión: a postura de GB ten a sua imaxe no espello da Mesa, e Feijóo pode quedar no medio conciliador xunto cun Psoe que fuxe do Bng nacionalista. A solución pasa por non ser reflexo de GB, racionalizar as posturas (a perspectivas das acusacións a profesores é interesante, posto que non hai rolda de prensa na que non se mencione a profesores que “insultan” e discriminan a nenos), separando a palla da sustancia e, sobre todo, facendo do tema unha cuestión pedagóxica e menos política.
Xa só faltaba que esa suposta operación de consenso PP- PSOE, deixando fóro ao BNG, estivera propiciada polo Consello da Cultura e a RAG (o fito de Láncara) con Villares e Barreiro á cabeza e con xente nas suas hostes como Ferrín , Darío Xoan Cabana, Margarita Ledo, etc. etc.
Sería como cubrirse de gloria definitivamente.
O BNG tén e terá moitos problemas, máis no terreo da lingua e da cultura galega e moi importante que estea detrás de calquer proxecto ou institución para que esta teña lexitimidade.
Pablo, GB ten o seu espello na Mesa como o Ku Klux Klan ten o seu espello en Rosa Parks: los extremos siempre son malos y se tocan y tanto vale xan como perican…
X.L., Margarita Ledo non estivo en Láncara. Estivo na manifestación da Mesa. Xa que hai unha que conservou a DIGNIDADE, xusto é recoñecerllo.
O BNG está a levar mal este asunto. O que dixo Bieito Lobeira sobre Lorezno foi para lembrar. E a Mesa leva unha de cal e outra de area. Iso si, eu teño claro de que lado estou, pero non por iso o BNG e a Mesa non van ter a miña critica cando cómpre.
Eu ao que non me afarei nunca é a ver a Anxo Lorenzo con esas compañías, compartindo ese discurso… Sinto non participar do optimismo polo nomeamento pero á decepción dos primeiros días engádense estas declaracións… É unha verdadeira lástima que alguén da valía de Lorenzo teña aceptado participar desta barbarie.
Efectivamente, son perfectamente comparables GB e a Mesa co Ku-Kux-Klan e Parks, ou con Hitler e Wiesenthal ou con 007 e o Doutor Non, tanto ten. Pretender sacala normalización lingüística do eido pedagóxico (entendendo que o exercicio da política é inexcusablemente pedagóxica) é tela batalla perdida. Se se pretende dicir que “estás conmigo ou contra min”, a actuación da Mesa é tan representativa como GB, por desgracia. E ollo que non digo a Mesa, cuia labor histórica defenderei sempre, pero é inegable que ten perdida tanta lexitimidade na sociedade canto máis se politizou.
Como di syldavija, non penso deixar de criticar cando cómpre facelo. Ésa é a forza dos que levan razón e non a dos “anxos purísimos”.
Pero como poden comparar o Ku Klux Klan (asasinatos, violencia, discurso hiperracista, man executora dos grupos dos poderosos) con Rosa Parks (unha vítima da opresión racista, sempre na banda da non violencia, en liña con Luther King: unha muller que reivindicaba esencialmente a súa dignidade e a das persoas negras)?? Por que non len algo de Historia antes de opinar? De verdade imaxina alguén a Rosa Parks apoiada polo Club Financiero de Alabama?
E, aínda que sexan discutibles algunhas actitudes da Mesa, ¿de verdade ve alguén semellanza entre GB -que piden, con ou sen eufemismos, o afogamento do galego e a imposición lingüística- e a Mesa (que, con máis ou menos acerto, traballa pola consecución dos dereitos dos galegofalantes e defende un bilingüísmo simétrico)?? É imposible a equidistancia entre os dominadores e os dominados. O que non impide criticar o que sexa criticable, que os erros nos alcanzan a todos.
Eu critico que a Mesa, as veces, peque de partidista e non sexa capaz de se achegar ao pobo. Cando nomearon a Lorenzo mostraron o seu desacordo… a quen raios querían, a Gloria Lago??? Non son como GB pero eu, como socio da Mesa, penso que ten serias eivas, entre elas tender algo ao elitismo e sobre todo, ser moi partidista. A lingua, coma ferramente política, non ten salvación.
E repito, eu sei de que lado estou, e preocupome de que os meus fagamos a cousa con atino e sentido. Tomar a GB como modelo de oposicion no canto de irmos por libre non foi unha boa idea.
Ten un xeito ben particular a Mesa de ser partidista: defendendo a Lei de normalización do PP, o Plan Xeral do PP e o Decreto do ensino do PSOE… A Mesa non saiu á rúa a defender ningunha Lei nin ningunha acción de goberno do BNG, ao contrario, se defendese o programa político do BNG igual tiña que dicir outras cousas: este decreto é insuficiente, etc etc.
A Mesa o que defende é a lingua. Que o PP e o PSOE se afasten do consenso e reneguen das leis que ele aprobaron, deixando sós ao BNG e á Mesa na defensa duns mínimos dereitos para a lingua é unha mala noticia. Pero non podemos responsabilizar diso nin á Mesa nin ao BNG. Os responsables son os que renuncian a defender a nosa lingua.
syldavija, se había algunha dúbida con respecto á reacción da Mesa ante o nomeamento de Anxo Lorenzo penso que onte xa ficaron despexadas… Desgrazadamente o tempo (pouco fixo falta) dálle a razón á Mesa
Antón, sen ser un avogado de Lorenzo, e agollá non me trabuque, leva 72 horas no posto.
O BNG sendo membro do bipartito mudou polìtica lingüìstica por unha consellerìa.
A Mesa, da que son socio, propón? Dá ideas? Propostas? Eu quero unha Mesa máis activa.
Pois repara que esas 72 horas lle bastaron a Brétemas, que xenerosamente nos acolle no seu blogue, para pasar do optimismo polo nomeamento de Lorenzo ao escepticismo e á intranquilidade.
Este post vai sobre unha rolda de prensa de Lorenzo e Vázquez. Liches as declaracións? Cantas horas máis hai que esperar? Eu non teño nada en contra de Lorenzo, non me debe cartos nin nada… Pero esa rolda de prensa non invita ao optimismo, precisamente…
Eu defendín á Mesa, non ao BNG… Se ían facer o mesmo con Polit. Lca na Xunta que están a facer en Vigo, poñamos por caso, fixeron ben en cambiala por outra Consellaría.
Paréceche pouco activa a Mesa? Non lle escoitaches ideas e propostas? Carai, onde estiveches o domingo? 😉
Eu escoiteille varias: Proposta: nin un paso atrás. Manifestación, Folga xeral do ensino e o que faga falta por defender o dereito a vivir en galego. Ideas: defender o marco legal de mínimos que temos, volver ao consenso do Plan Xeral de 2004 e aplicalo, aplicar o decreto de ensino e a Carta europea… Non son obxectivos maximalistas precisamente. De todas formas, a Mesa somos tod@s, se lles achegas as túas ideas e propostas á dirección seguro que cho agradecen. Non está o patio como para desbotar boas propostas 🙂
Actívate, activémonos todos que boa falta fai…
D. Manuel, eu non vexo pasos adiante, so vexo pasos atras.Hoxe mesmo a nosa terra, Galicia, entrou “tecnicamente” na recesion economica. Eu k vou a opinar de si son churras ou merinas. Eu temo por o meu/noso futuro, e por o dos meus/nosos fillos