Triste Museo do Mar
Onte á mañán, aproveitando un día precioso, achegámonos ao Museo do Mar de Alcabre para visitar a súa exposición permanente. Xa tiveramos a oportunidade, algúns meses antes da inauguración, de coñecer algúns destes contidos que centran, definitivamente, o museo arredor do mundo da pesca, como o de Concarneau e Douarnenez. A primeira sorpresa nosa foron tanto o escaso número de visitantes como as importantes carencias de servizos que ofrece a instalación reinaugurada no pasado Nadal. O museo, inexplicablemente, non ofrece unha exposición inaugural que contribúa ao “efecto chamada”, non ofrece material gráfico de apoio aos visitantes (bótase en falta, sequera, un planiño para seguir un itinerario complexo e denso, especialmente nos módulos do soto), non abriu os servizos de restauración (tan importantes hoxe nos museos dirixidos ao público familiar) e, sobre todo, non conta cunha campaña de promoción que o visibilice e anime a súa visita. Con todas estas carencias o museo amósase triste, sen lucir a súa enorme potencialidade, tanto arquitectónica como dos seus propios contidos (a pesar da humildade do seu acuario). Ben sería que se solucionasen, canto antes, estas eivas, para evitar que este museo (no que temos postas tantas esperanzas) caia na mediocridade da Casa das Palabras. Estou convencido que é tan posible como necesario reorientar esta deriva. A Consellaría de Cultura, responsable agora do museo, debe tomar urxentemente cartas neste asunto.
Os problemas de restauración serían amañados nun plis plas se o chiringuito infame que hai ao lado se fixera cargo do restaurante e serviran os seus callos prodixiosos, gabados no seu día por Ferrín como os mellores de toda a bisbarra e parte da provincia.
Esquecín comentar que é para mín a mellor obra arquitectónica de Vigo dos últimos vinte anos. Por poñer unha cifra, porque ben podería ampliar o periodo.
Aínda non fun, máis concordo con arumes: e a obra máis senlleira feita na cidade en moitos anos.
Contrastan moito as impresións que nos ofreces coas trinufalsita novas da prensa de hoxe:
http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2008/01/22/0003_6499845.htm
Pois eu estiven este sábado e comparto a túa impresión. A situación e arquitectura son inmellorabeis. Os fondos probablemente interesantes pero resultan aburridos. O acuario… mediocre e sen un panel explicativo do que alí hai. Non semella tan difícil facer as cousas millor.