Terra de Melide

Onte viaxei a Melide para participar na primeira presentación d’ Os pecados capitais, a novela de Francisco A. Vidal gañadora do premio Terra de Melide 2005. O acto foi moi concorrido e a intervención do autor espléndida, situando a novela como unha reflexión sobre a quebra do amor e da amizade sobre o fondo dun escaparate de prosperidade que gocha o rexeitamento de calquera opción moralmente defendible. “Esta é unha novela de aventureiros, contrabandistas, na que os narcos son heroes que arrastran co ouro fácil a todos os seus conveciños á miseria. O meu protagonista é un covarde, que como todos os desa condición non saben poñerlle límites ao instinto; pola covardía cometéronse sempre as maiores maldades”, concluíu o seu discurso. Nós, pola nosa banda, reiteramos o compromiso da editorial no apoio á publicación das onras gañadoras deste certame de narrativa (non hai limitación de subxénero). Este mesmo mes de marzo aparecerá a obra gañadora de 2006 e o 7 de xuño participaremos no fallo do convocado este ano.

Ben interesante foi, tamén, a visita que realizamos ao modélico Museo da Terra de Melide, un centro arqueolóxico e etnográfico moi cuco (recomendo tanto a visita virtual como achegarse a realizar unha visita vagorosa) que rexe o Centro de Estudos Melidense. O traballo do seu fundador e director, Xosé Manuel Broz Rei, é verdadeiramente hercúleo ofrecendo unha completa presentación da cultura da Terra de Melide, no eido arqueolóxico (con importntes pezas das escavacións do castro da Graña, Toques), etnográfico (con mostras dos oficios tradicionais e vilegos) e na súa relación co Camiño de Santiago. Un modelo magnífico de “folk museum”, que moitos nos recordou a experiencias semellantes que coñecimos, hai varias décadas, de museos ingleses e escoceses. Só nos faltaron uns ricos (os dóces típicos melidenses) para completar un serán moi entrañable e interesante, onde non faltou unha acollida agarimeira dos nosos anfitrións e amigos de Melide.

Etiquetas:
3 comentarios
  1. beatriz
    beatriz Dice:

    vaia, manolo, quedo toda sorprendida ao ver que xerais publica o terra de melide, xa que o estaba facendo franka editora.
    a xente de melide é estupenda e moi acolledora. sempre estará esa sensación permanentemente na miña memoria.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Si, aceptamos a proposta que nos fixo o concello de Melide no pasado outono. Entendo que Franka editora declinou continuar.

Los comentarios están desactivados.