Tender pontes

Todos os datos que recabei dos meus veciños, testemuñas dos feitos, coinciden en sinalar que a actuación policial desta mañá na Gran Vía foi desproporcionada e contribuíu a apupar unha situación que non está xa para moitas chiquitas. A folga do metal vigués contra a precariedade é un conflito socialmente moi serio que debería ser abordado por parte dos gobernos con maior sensibilidade.
Para min é moi significativo o protagonismo que nas mobilizacións están tendo os obreiros mozos das contratas (amosando o seu descontento con petardadas estrondosas e argallando os saltos cos celulares, o que entoleceu un pouco máis á policía), os fillos e case netos das xeracións que protagonizaron as loitas do setenta e dous e da posterior reconversión naval. A pouco que se escarve nesas feridas, e hoxe a policía comezou a escaravellar, a folga pode quedar fóra do control dos sindicatos e estenderse a outros sectores.
Con máis dunha ducia de detidos en comisaría e un bo número de contusionados nos sanatorios dificilmente pode abrirse un vieiro para unha negociación serena dun convenio e dun conflito que vai moito máis alá da reivindicación salarial e que, pola contra, amosa o malestar xeracional cun sistema de produción industrial baseado na temporalidade e na flexibilización das conquistas realizadas polos obreiros nos últimos trinta anos.
Mañá o Conselleiro de Traballo debería vir de mañanciña a Vigo e reunirse coas partes para tender pontes e arrefriar os ánimos. É o mínimo que pode facer un goberno progresista.

Etiquetas: , ,

4 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Temos a obriga de esixir ao goberno sen lle perdoar cousas que a outros non llas teríamos pasado (se un conselleiro de traballo do PP agardase seis xornadas de loita para vir recibiríamolo con pedras).

    Estes e os outros son a mesma merda: palabriñas dende enriba do coche oficial e máis nada.

  2. postscriptum
    postscriptum Dice:

    Reflexões como esta som muito necessárias. Mas também é certo que a delegaçom de um governo “progressista” foi a que mandou carregar contra os manifestantes, o que revela uma tomada de posiçom bastante clara no conflito.

  3. mg
    mg Dice:

    Agradese a sensibilidade mostrada por vostede respecto a este conflicto.
    Paréceme que estanse a vivir xornadas de muit importancia porque de fenomenos sociais como este, que sen dubida o é saen novas propostas porque desperta conciencias, as conciencias de boas e xenerosas xentes, e moi novas que encarreirán a lucided política acadada cara unha loita mais consecuentes e transformadora.
    Hai tempo que eu viña matinando no auxe, no tenue auxe do independentismo radical en Vigo, e agora mostrase o porqué, pareceme, no meu modesto parecer que a frustración xerada na xuventude xunto coa desilusión ante as espectativas xeradas polo novo goberno eutonómico encamiña a sectores cada vez mais concienciados a u proceso que non tardará en inaugurarse.
    Un saudo
    Mg

Los comentarios están desactivados.