Artigos

Onte 339: Cancións de despedida

A cerimonia de peche dos xogos olímpicos careceu da brillantez e da emotividade da inaugural. O estadio, transformado outra vez en xigante set televisivo, ofreceu un espectáculo baseado no poderío da música popular británica. Porén, onte non estoupou sorpresa ningunha e nin sequera a aparición de Monthy Phiton, Pelé e a presenza da grande Mariza Montes, recollendo o testemuño de Río, foron capaces de levantar o interese de tan decepcionante e previsible velada. Lembroume o momento «disco» das interminables vodas británicas, nas que o dj comeza cos temas para os picariños, logo outros para satisfacer a nostalxia dos avós, para logo saltar durante tres horas toda a tralla dos grandes éxitos das cinco últimas décadas. Equivocáronse os organizadores, non era ese formato axeitado para pechar uns xogos excelentes. Abondaban unhas cancións de despedida emotivas, que non souberon ofrecer. O chauvinismo é unha doenza que se transmite con moita facilidade.

Onte 334: Medalla galega

A primeira medalla galega provocou un comprensible estourido de entusiasmo. A prata olímpica de Xavier Gómez Noya nunha das disciplinas máis duras destes xogos é froito da fortaleza, do tesón e do sufrimento, ao longo dunha década de adestramentos e competicións, dun atleta espectacular, mesmo capaz de superar unha doenza cardiaca ao comezo da súa andaina. Un grande éxito que culmina o camiño aberto no triatlón galego a finais dos noventa polo seu compañeiro Iván Raña. Ademais non podo agochar a simpatía por este nacho cando fala con tanto criterio sobre a súa relación co galego e coa súa utilidade nos entornos internacionais ou cando cruzou coa bandeira galega a meta dunha das Copas do Mundo que gañou. Marabilloume a foto que vin retuiteada por Xabier Cid do saúdo entre Xavier e o gañador, o inglés de Yorkshire Alistair Brownlee, ambos os dous esgotados. Unha demostración emocionante de «fair play» e afouteza, dous dos valores que máis admiro nos deportistas. Beizóns!