Onte 1895: Dez anos de Couceiro na praza de Cervantes
A familia do libreiro Xesús Couceiro merece todos os parabéns por esta primeira década celebrada onte da súa instalación na praza de Cervantes número 6, no corazón da cidade compostelá. Un período que a partir de 2009 no entorno do proceso de hibridación editorial e de crise económica tornouse moi difícil, na que os Couceiro levaron o libro ao espazo público convertendo o seu modélico edificio en referente indiscutible para o libro galego, tanto de novidade como de bibliófilo. Ao longo desta década foron máis dun cento as presentacións nas que participamos, algunhas inesquecibles como a de Todo é silencio de Manuel Rivas, a primeira que fixemos na praza, ou aqueloutra de Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, coa intervención espontánea dende o público de Xosé Manuel Beiras. Como foron múltiples os actos cívicos que alí se celebraron da Mesa pola Normalización, Prolingua, AELG e outras entidades e asociacións.
Unha tarefa iniciada por Suso Couceiro en 1969, cando abriu a súa primeira libraría compostelá na rúa de San Pedro, continuada no baixo de Xeneral Pardiñas e dende 2007 na casa da praza de Cervantes, que xestionan os seus fillos Pablo e María. Parabéns ao fundador e ao cadro libreiro actual poro seu teimoso compromiso co libro galego e coa cultura da libraría como espazo cultural e civico.