Quédalle marxe ao BNG?
Se o descontento cidadán da ruptura do consenso constitucional non o evita, é moi posible que tras as vindeiras eleccións do 20-N o BNG perda unha parte ou a totalidade da súa representación no Congreso dos Deputados. O anuncio do continuísmo dos cabezas de lista, o adiamento da Asemblea Nacional até xaneiro de 2012 e, sobre todo, a incapacidade de dar unha resposta política ao manifesto dos 18 alcaldes, que reclamaban a actualización do discurso do Bloque, amosa a espera resignada da dirección nacionalista por un novo fracaso electoral, outro máis, que de producirse situaría o seu proxecto político xa no precipicio da irrelevancia.
Tantos os resultados das Xerais de 2008, como o das autonómicas e municipais recentes, como as tendencias que expresan cada unha das súas series estatísticas, aconsellarían unha enérxica iniciativa política capaz de taponar a hemorraxia do desencantado e resignado voto galeguista. Porén, mal que nos pese, dentro do BNG gañou o partido conformista, o dos que prefiren poñerse a cuberto nestes tempos de intemperie. Nos dous últimos anos, tras a última Asemblea Nacional, coas honrosas excepcións dos proxectos desenvolvidos nalgúns concellos (Carballo, Tomiño ou Teo, por citar os máis destacados), non enxergamos apenas actualización da proposta programática, a pesar de que neste tempo reinou de forma obscena o pensamento neoliberal dos mercados, asumido como novo karma polos socialistas en claro retroceso, e comezou o proceso de recentralización do estado promovido pola FAES e executado en Galicia por Feijóo. Tampouco identificamos un atractivo renovado dos carteis electorais nacionalistas e nin sequera unha mudanza significativa nas formas de comunicación e empatía coa cidadanía.
Quedaron electoralmente agotados os proxectos nacionalistas, xerados nas tres últimas décadas arredor do BNG e de Esquerda Galega, que pretendían acadar a hexemonía na sociedade galega? Quédalle marxe ao actual BNG para evitar a súa marxinalización?