Onte 985: Temos dereito a un futuro distinto
A viguesa editorial Engaiolarte abriu o seu catálogo cun excelente libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Gustei da edición coidada deste libro alboral tanto polo singular do seu formato cadrado, pola composición da páxina e o tratamento do texto e fotos coma polo acabamento en flexi-book, aspectos nos que se percibe a experiencia editorial de Xosé Fernández Puga e o propio Carballa, editores d’ A Nosa Terra. Pola conversa que mantivemos con Puga na Feira do Libro de Vigo, sabemos que Engaiolarte ten a intención de apostar pola edición de libros fermosos, moi coidados na edición e nas calidades dos materiais. Sen dúbida, un acerto para afrontar o complexo proceso de hibridación da edición cultural galega de hoxe.
Xaora, alén do interese deste libro como obxecto, o que máis gustei foi da voz achegada por Xavier Vence, o protagonista destas duascentas páxinas que papei dunha sentada ao longo da tarde de onte. Unha conversa fluída, ben estruturada, con esacasas repeticións, o que constitúe mérito de Xan Carballa, un dos nosos mellores xornalistas culturais. Vence ofrece unha voz sen estridencias, un discurso reflexionado e depurado no eido académico, capaz de ofrecer unha raiola de esperanza para o nacionalismo galego de esquerdas. Abandonando o seitarismo e o vitimismo (esas doenzas que parecían incurables nos dirixentes nacionalistas), asumindo tamén a autocrítica, Vence humaniza a actual proposta política do BNG expresando de forma didáctica e comprensible, sen abusar da súa talentosa erudición económica (un dos seus puntos máis fortes), que a saída máis responsable en Galicia para a crise é a soberanista. Vence valora de forma equilibrada o labor do bipartito e a ruptura da XII asemblea do BNG, ademais de realizar afirmacións que abren un espazo para a recuperación dunha alternativa nacionalista de esquerdas que teña por obxectivo acadar os 500.000 apoios electorais, ese 25 % ou 30 % que a fagan eixo de gobernabilidade. É, pois, moi de agradecer este esforzo de tender pontes presente nas páxinas dun libro de conversas no que Vence presenta un discurso cheo de matices para liderar o nacionalismo galego de esquerdas desta década.
O subtítulo do libro, «Temos dereito a un futuro disitinto», expresa a vontade de Vence de conectar afectivamente cos sectores sociais e políticos que están ou estiveron na fronteira do BNG ou que formaron parte do nacionalismo político organizado nas últimas tres décadas. Quizais non lle falte razón a Vence e o futuro do nacionalismo galego de esquerdas dependa nesta altura máis da súa capacidade de conectar afectiva e emocionalmente coa sociedade galega ca do seu programa.
Parabéns aos editores de Engaiolarte, a Xan Carballa e a Xavier Vence por ofrecer tan interesante estrea editorial. Recoméndoa.