Onte 759: Première de «Cadeas» en Betanzos
O salón Azul do Liceo de Betanzos encheuse na première de Cadeas, a novela de Xabier López gañadora do Premio Xerais 2013. Foron as palabras agarimosas e xenerosas de Pilar Vázquez Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Eira Vella, ás que abriron unha presentación na que o xornalista Iago Martínez, membro do xurado que outorgou o premio, falou na súa calidade de privilexiado lector.
Comezou Iago confesando que a do xurado «foi unha elección difícil, xa que me atopei con algo que non contaba, discutindo sobre o que cada un entendemos por literatura.» Definiu Cadeas como «un mosaico de vinte historias moi diversas entre si, marabillosamente ben escritas, elaboradas cada unha delas con cadansúas ferramentas específicas, froito do traballo dun narrador ventrílocuo capaz de artellar cada unha das historias sen a distancia cínica da postmodernidade.» «Cadeas é, ademais, un fresco do século XX sobre a dominación e a violencia. Unha reflexión sobre a imposibilidade de escribir unha vida ou episodios históricos como o sucedido no século pasado.»
No seu discurso, Xabier López definiu Cadeas como «unha serie de historias que enganchan unhas con outras referidas á dominación e a violencia, focalizadas no que foi a historia de nós durante o século XX, dende as guerras coloniais de Cuba e Sid Ifni.» Adiantou o autor algunhas referencias temáticas a seguir na novela: a presenza do leite condensado, da cerveza, dun reloxo, de diversas castracións e orellas cortadas. «Cadeas é unha novela sobre a busca, mesmo sobre a busca do lector e a dominación e o sometemento que ten o autor procurando o lector.» Referiuse, despois, a presenza de Rafael Dieste e Manuel Antonio nas páxinas da novela, como «dúas formas diferentes de encarnar os retos colectivos, o do intelectual comprometido e o do iconoclasta.» Explicou algúns dos retos técnicos afrontados no texto e rematou expresando a súa satisfacción polo resultado: «O último que escribo é sempre para min o mellor que escribín. Creo que Cadeas é a miña novela máis ambiciosa, recupera o pulso que tiven en Doutor deus ou nalgunhas das miñas primeiras novelas.»