Onte 1685: “O anxo negro” de Manuel Gago
Acompañamos onte a Manuel Gago na presentación da súa primeira novela, O anxo negro. Como hai pouco máis de dous anos, cando se presentara Vento e chuvia, Gago escolleu a Igrexa da Compañía como espazo para compartir unha obra na que se aborda como tema principal a posta en valor do noso patrimonio. Un serán no que se falou da novela e dos seus contidos, na que media ducia de actores realizaron unha performance, na que se proxectou o vídeo de Soledad Felloza arredor da ficción /en realidade un trailer dunha película que non existe), na que cataron viños branco e tinto de Viña Costeira e se probaron as delicias das conservas de Luís Escurís Batalla. A verdade que máis non se lle pode pedir a un acto literario.
O anxo negro é unha novela de intriga de longo alento, cincocentas páxinas,construída sobre un pano de fondo histórico, dacabalo do tempo da Transición e do século XVI, onde o tema principal é o expolio ao que foi sometido o patrimonio das igrexas do rural galego despois do Vaticano II. Unha historia enfiada polo roubo en 1981 dunha Santa Mariña na parroquia (imaxinaria) de Cereiro, que será investigado por unha parella de “detectives” moi singular, Nicolás Bren, un capitán da Mariña Mercante, afeccionado á historia local, e Andreu Meis, un mozo catalán casado na parroquia, propietario do Bar Drake. Unha novela coral, que abala entre o xénero negro e o histórico, na que utilizando os recursos da ficción se denuncia un tema agochado, o dun sistema de financiamento corrupto ao tempo que se pretende pór en valor o patrimonio eclesiástico arraizado na cultura popular galega. Aventuro que esta primeira novela de Manuel Gago dará moito que falar e moito que ler.