«Un longo e tortuoso camiño»
Dediquei as horas de lectura destes días a debullar as catrocentas páxinas do ensaio de Xosé Ramón Quintana Garrido sobre a historia do BNG. Non podo agochar que me interesou moito este relato –Premio Ramón Piñeiro de 2008– sobre o difícil proceso percorrido polo nacionalismo galego contemporáneo. Gustei do enfoque adoptado polo autor que dende a posición obxectiva que lle facilita a consulta de fontes documentais diversas (algunhas inéditas) arrisca a interpretar as claves dun proceso complexo que continúa aberto, xa que as testemuñas dos protagonistas poden abrir novas vías de investigación para os historiadores.
O sintagma que titula a obra é moi afortunado e luminoso para expresar un balance desacougante e demoledor que a esta altura (2010) sitúa ao BNG nunha encrucillada moi semellante á que vivía o nacionalismo galego antes da asemblea de Riazor. Lendo as páxinas documentadísimas (insisto) do libro de Quintana, os nacionalistas que nunca militamos no BNG comprobamos as razóns polas que non foi posible a nosa participación no proxecto político tutelado pola UPG, ao tempo que nos convida a apupar un debate sobre a posibilidade de que outro nacionalismo e outra esquerda sexa posible na Galicia futura.
Chama a atención o esforzo de equilibrio do autor, especialmente no capítulo derradeiro no que se analiza a crise tras o traumático resultado electoral do primeiro de marzo de 2009, para diagnosticar coma se se tratase dun médico as características da doenza actual do BNG para a que apenas receita como tratamento (desta volta con lóxica prudencia académica) a necesidade de que desenvolva unha «estratexia de adaptación coherente que entre outros moitos apspectos establecese dispositivos de cooperación interna baseados na confianza, que levasen a unha renovación eficaz das súas estruturas, equipo dirixente e candidaturas, e a unha apertura real da organización en permanente ósomose coa sociedade…» De forma sútil e elegante, como é a redacción de toda a obra, Quintana Garrido aconsella aos actuais dirixentes do BNG un auténtico «volver a empezar» para o que terán «por diante un longo e tortuoso camiño aínda por percorrer». Velaí o mito estoico do eterno retorno aplicado ao nacionalismo galego contemporáneo. Non é pouca lección.