Onte 541: #QueSeLixeATroika
As grandes manifestacións de onte en Portugal amosan a indignación dunha maioría social farta da política de austeridade imposta pola Troika e polo goberno de Passo Coelho. Convocados apenas por internet –utilizando un blog, Fb e Twitter, baixo o hastag #QueSeLixeATroika e os lemas «Queremos as nossas Vidas» e «O povo é quem máis ordena»–, o millón e medio de persoas que ocuparon as rúas das cidades portuguesas, probablemente nas máis importantes manifestacións da súa historia recente, aprobaron unha Moción de Censura Popular, un chamamento á romper coas políticas nefastas de devaluación interna que empobrecen aínda máis aos humildes e remata coa democracia. O que sucedeu onte en Portugal amosa, ademais, a crise da lexitimidade dos partidos de goberno que minten á cidadanía e incumpren sistematicamente o que prometeron. Neste triste proceso, Portugal vai un ano por diante nosa. Aconsello reparar nas fotos e nos vídeos, identificando os textos das pancartiñas, onde non aparecen (ou polo menos eu non os vin) emblemas e insignias dos partidos de esquerda tamén presentes na convocatoria. Emociona escoitar outra volta «Grândola vila morena» no Terreiro do Paço. Dá moito que pensar, un pobo que non se resigna.