Artigos

Onte 1798: O Planeta en galego

XG00268901Entrou onte no almacén Todo isto che darei, a tradución en lingua galega da novela pola que Dolores Redondo gañou o premio Planeta 2016. Un fito no traballo de tradución, edición e fabricación do equipo de Xerais que preparou nestes intensos corenta días un libro de case setecentas páxinas. Mais tamén un fito na edición literaria en España dunha autora que aposta de forma moi coherente para que toda a súa obra, dende a memorable triloxía do Baztán até este Planeta, sexa publicada canto antes en galego (a lingua dos seus pais), en éuscaro e catalán. Xaora, Todo isto che darei ten para nós o engado de estar ambientada na Ribeira Sacra, que se transforma nun espazo literario onde se desenvolve unha intriga inzada de achádegos inagardados e sorpresas que poñen en cuestión o que semellaban certezas de pé de banco. Unha novela sobre a dor da incertidume onde Redondo amosa a súa mestría para formular e resolver enigmas moi complexos cunha intelixencia e habilidade que abraia ao lector ou lectora.

Esta semana o libro comezará a chegar a todas ás librarías e nos próximos días anunciaremos a data da presentación este Nadal na Ribeira Sacra desta versión, preparada por Dolores Torres París, que dou fe flúe de marabilla e de forma natural en galego. Todo un acontecemento para a industria do libro en Galicia que agardamos contribúa a ampliar os públicos para a lectura na nosa lingua.

Onte 1442: «Unha segunda oportunidade»

Una_segunda_oportunidad-251557392-largeVolvimos aos Norte con outra dinamarquesa: Unha segunda oportunidade da Susanne Bier. De novo enfrontámonos a dilemas morais sobre valores básicos como os que arroupan a paternidade e maternidade «desexada» ou a fraxilidade de persoas dunha peza, como Andreas, o policía interpretado de forma moi convicente polo famoso Nicolaj Coster-Waldau, o Jamie Lannister de Xogo de tronos. A solidez dun guión, que utiliza os recursos do thriller policial, mantén o interese dunha historia truculenta de bebés mortos e desaparecidos que me lembrou á  abordada por Dolores Redondo na súa triloxía do Baztán. Mágoa do remate, innecesariamente azucrado, co que quizais a directora pretende expresar unha mensaxe de esperanza e resarcir ao espectador despois de case unha hora e media de sufrimento, onde se suceden malleiras, violacións e outras noxentas barbaridades machistas. Poucas veces queda tan claro que as cousas no eido do privado non son sempre como aparentan. Unha película desmitificadora.