Listado de la etiqueta: satie

Onte 1566: Rivas homenaxea a David Bowie na Biblioteca de Carballo

Biblioteca_Carballo_28-01-2016

Dos interesantísimos comentarios que Manuel Rivas fixo onte na lectura de fragmentos na Biblioteca de Carballo d’ O último día de Terranova chamáronme moito a atención os referidos á relación de Vicenzo Fontana, o libreiro de Terranova, tamén a voz da novela, co David Bowie. Advertiu Rivas que para el «na escrita todo ten unha relación e o aparentemente casual pode ser causalidade». «Durante a escrita da novela escoitei moito a Satie, mais de cando en vez aparecía o Bowie de “Starman“, creo que como unha manifestación da realidade intelixente.» «Vicenzo Fontana síntese un dobre de Bowie, identifícase co seu transformismo, coa súa capacidade de estar aquí e de fuxir, referénciase coas súas cancións, sobre todo con “Starman”. A novela publicouse cando Bowie estaba gravando o seu derradeiro disco. Mais por que aparece Bowie?» Confesou Manuel Rivas que a morte recente de Bowie fora para el como «un cruch», «igual que a escrita, un cros á mandibula, como sinalaba o escritor arxentino Roberto Alt. Para min a escrita dunha novela é un proceso de descuberta, unha loita contra a ignorancia, contra as propias convencións. A escrita da novela só é posible cando os personaxes comezan a contar cousas que o autor descoñece, compartindo a súa información.»