Onte 660: «Raro»
Marcos Calveiro amosa no seu libro máis recente, Raro, que xa non existen temas inabordables para a literatura infantil. Publicado na serie vermella da colección Ala Delta, a que Edelvives recomenda a partir dos cinco anos, Raro aborda un dos medos infantís máis complexos, o da agorafobia, o medo aos espazos abertos ou públicos. Tomás é un rapaz que vivía agochado na súa casa pendente da man do medo até que na súa vida irrompiu Ana, unha veciña do seu tempo. Amigando con ela desenvolverá outra ollada sobre o seu mundo e sobre si mesmo. Eis o eixo dunha historia de aparente sinxeleza e grande fondura humana.
Calveiro reivindica en Raro outra ollada sobre a diversidade, sobre a diferenza, sobre as consideradas como «persoas raras», que son persoas todas iguais, mais todas diferentes. Este é un libro que vindica aos raros, superando os prexuízos (eses anteollos tan difíciles de tirar) e as falsas crenzas sobre estas persoas decote estigmatizadas sexa polas súas doenzas, diferenzas ou pola mera aparencia física. Parabéns a Marcos Calveiro por ofrecernos este libro tan necesario que nos lembre a propostas dos mellores traballos sobre a diversidade de David Mckee. Mención á parte merece o excelente traballo de ilustración de Ana Pez, sobre todo no deseño dos espazos urbanos, dos que ofrece unha ollada rara e moi orixinal. Un libro moi recomendable.