Onte 1663: “Quen dá a quenda?”, o debut de Cajaraville na literatura infantil
O salón da Feira do Libro de Santiago encheuse no serán de onte (onde se superaron os trinta graos) na presentación de Quen dá a quenda? a novela coa que Héctor Cajaraville debuta na literatura infantil. Un acto no que presentamos a traxectoria fulgurante do autor de De remate, gañador nos últimos once meses dos premios Xerais (de novela), Raíña Lupa (de literatura infantil e xuvenil) e Ánxel Fole (de narración curta), como a importancia deste seu primeiro libro infantil, que resultou finalista do pasado premio Merlín, que demostra a versatilidade dun narrador natural, coñecedor profundo de todas as técnicas do relato, dotado dunha imaxinación e fantasía desbordada e auténtico “rei das palabras” e do seu xogo.
Comezou Héctor a súa intervención confesando que concibira este libro non só para nenos, “mesmo tiña medo que este libro, premeditadamente infantil, non lle gustase aos rapaces”. “Non quedei tranquilo até que recibín as primeiras críticas dos rapaces, que foron moi boas e entusiastas, mesmo propoñéndome ideas para unha segunda parte ou facendo reflexións sorprendentes para min. Foi gratificante coñecer o nivel de implicación e esixencia do lectorado infantil”. Explicou Cajaraville a proposta que se lle fai o lectorado: “A protagonista principal da obra é unha meiga, Divina Sandamil Penas, que na súa casa do souto de Sombreu atende a calquera doente que ten unha preocupación ou precisa axuda. Persoas, animais, obxectos ou mesmo fenómenos naturais buscan na consulta de Divina remedio para o seu mal. Ela proporcionarallo coa única condición que fagan un favor a prol do ben común, do ben xeral”.
Ao fío da proxección das ilustracións de Ignacio Hernández presentáronse algunhas das vinte historias que contén a novela. a da nube que non ten forma, a do ordenador desordenado, a do dicionario ao que se lle escapan as palabras do seu segundo tomo, a da mesa que non esquece detalle, a do cero que non se conforma, a da fervenza que busca un río do que formar parte, a do rapaz que mestura soños, a do barco de vinte metros de eslora que se marea.. Historias todas cuxo ingrediente principal e a fantasía e a imaxinación. “Historias que poden parecer moi disparatadas, mais onde pretendín que todo tivese coherencia para que fosen verosímiles.” “Cos primeiros contactos que tiven co lectorado infantil descubrín que aquí hai un lector que vai máis alá que o adulto, chegando a convertirse en protagonistas do propio libro”.
Salientou que outras propostas de Quen dá a quenda? eran o humor, o coñecemento e os valores, como o traballo en equipo, a cooperación, o esforzo e a autoestima. “Quen fai o ben acabará recibindo de volta. O pouco que custa facer felices aos demais está presente de forma transversal en todas as historias”. Por último, Héctor insistiu na importancia das palabras, “as verdadeiras protagonistas do libro”. “Creo que os libros infantís, máis que ningúns outros, teñen que estar cheos de palabras diferentes e de xogos de palabras, como as do propio título (“Quen dá a quenda?”) ou do nome da meiga protagonista (Divina Sandamil Penas). Rematou Héctor expresando a súa ledicia por escribir e publicar libros coma esta para o público infantil, confesando que “unha vez remate dous proxectos narrativos para adultos que ten entre mans, volverei retomar”.