Onte 1108: El Pais.cat
O diario El País anunciou onte a apertura dunha edición dixital en catalán, que ofrecerá as principais noticias do día e contidos propios. Tras o suplemento cultural Quadern, El País aumenta a súa oferta en lingua catalá, ao tempo que expresa a súa vontade de poñer o foco informativo sobre Barcelona, «na liña da bicapitalidade sobre a que apostou o diario» de Cebrián. Mentres, é moi significativo que en Galicia, Prisa reducise a súa oferta informativa, o seu cadro de persoal e eliminase da súa edición as páxinas semanais de cultura en lingua galega. A consideración asimétrica da presenza de El País nunhas e noutras comunidades expresa tamén o peso dos mercados informativos, publicitarios e do peso político de cada unha delas, ao que tampouco é alleo ás axudas que poden achegar a este proxecto os seus gobernos autónomos. Máis alá da crise profunda que no entorno do proceso de hibridación informativa viven os xornais editados en Madrid, non é inocente este movemento de Prisa catalanizando na rede a súa edición, como no quiosco xa fixeron El Periódico e La Vanguardia.