Listado de la etiqueta: pomito

Pomito

No tempo das grandes colas na Ponte Internacional, cando milleiros de vigueses agochaban aos vistas da aduana os botes de Tofina e Mokambo, os quilos de Café Sical, os queixos de bola, os cuartos de manteiga de meio sal, os paquetes do azucre ou as caixas de leite Agros, meu pai nunca deixaba de visitar a botica central de Valença para mercar varias caixiñas de Pomito. Sempre gustei do arrecendo penetrante desta pomada analséxica, astrinxente e parasiticida, de textura parafinada e cor rosado, presentada nunhas preciosas caixiñas circulares, onde aparecía (e segue aparecendo) en tipografía moi elegante a indicación do seu fabricante, os Laboratorios Lencart do parque industrial de Celeirós en Braga.

O Pomito anunciábase coma unha pomada con decenas de anos de experiencia terapéutica en Portugal, Angola e Mozambique, indicada no tratamento dos ecemas, herpes, pequenas queimaduras e, en xeral, de calquera tipo de feridas na pel. Moito abusamos na casa do pomito milagreiro que empregabamos coma bálsamo de fierabrás para calquera proído que tiveramos. Durante moito tempo considerei o pomito de papá coma o símbolo máis xenuíno daquel marabilloso Portugal de abril, o das cancións do Zeca Afonso, o das madrugadas dos trapeiros, o disco do Fausto que alertaba: «Así vai Portugal, uns van bem e outros mal». O país da liberdade e da acollida, no que podiamos pasear contemplando asombrados os luminosos de neón que anunciaban os locais do Partido Comunista, un feito que nos impactou para sempre, na nosa primeira visita adolescente a Porto.

Gañamos a democracia e fendéronse as fronteiras e, sen embargo, como moi atidamente ten sinalado o editor portugués Nelson de Matos, Galicia e Portugal seguemos virados de costas. Os portugueses visítannos cada xornada de ponte. Alá imos de vacacións ou a xantar ese bacallao con natas, que alí preparan de forma «espantosa» (¡ai, eses falsos amigos, tan traizoeiros nas traducións literais entre as dúas linguas irmáns!). Moitos sanitarios galegos traballan alén do Miño. A actividade mercantil intensificouse de forma moi notable, favorecida pola creación dun espazo económico común dentro da eurorrexión da fachada atlántica. Constituíuse o Eixo Atlántico do Noroeste Penínsular que, vencendo múltiples prexuízos e descontinuidades, pretendeu con desigual fortuna contribuír a intensificar os intercambios culturais, deportivos e a pular por unha promoción turística común entre as dúas comunidades. E a pesar de todos estes avances, os galegos, a nosa lingua e a nosa cultura somos aínda os grandes descoñecidos en Portugal.

Ata agora foi a literatura a mellor ponte de achegamento entre as nosas culturas, quizais por traballar cunha mesma materia prima, unhas linguas de tronco común que recordan a nosa permanente irmandade. As obras dos escritores arraianos coma Méndez Ferrín, o doutor Bento da Cruz, o courense Mario Claudio, Luís García Mañá ou José Viale Moutinho axudaron a desdebuxar a realidade da raia fronteiriza, que só existe no imaxinario, e a promover unha conciencia común de convivencia, de encontro, de respecto e de proxecto común político e cultural.

No entanto, o intercambio educativo (o ensino da lingua portuguesa como segunda lingua estranxeira nos nosos centros de secundaria) cultural (o intercambio constantede autores, artistas e obras) e comunicacional (cando veremos máis canles de televisión portuguesa na nosa TDT)? son hoxe o pomito que necesitamos para un proído que continúa doendo, o bálsamo curativo que arrecende entusiasmo para construír un futuro común que, enfiando un verso último do Miguel Torga, permita levar a este «río feliz a ir de encontro ao mar».