Onte 1817: Un plan para a cultura galega
O anuncio do presidente Feijoo polo que o seu goberno se comprometía a elaborar un plan para a cultura galega foi onte moi ben recollido polos medios. Se é unha proposta crible, algo que esta altura non podemos asegurar, con certeza suporía a entrada, por fin, da problemática do sector cultural galego nos contidos da axenda pública, a que manexan as administracións e os medios de comunicación. Suporía recoñecer que en Galicia existe a cultura como sector económico con dimensións significativas no eido do emprego e da súa achega ao PIB galego (como tan retranqueiramente salientaron o pasado luns os membros de NUMAX). Como tamén sería crible o anuncio se os diversos sectores da creación e da industria cultural reciben convites para expresar as súas opinións e participar na confección dun plan (estratéxico), unha condición indispensable para a súa posta en marcha e funcionamento satisfactorio. O modelo de participación e pluralismo co que foron elaborados o PXNLG de 2004 e a Lei do libro e da lectura nos dous últimos anos do derradeiro Goberno Fraga podería agora ser emulado. Con todo, somos prudentes diante dun anuncio que, insisto, pode ser tanto esperanzoso como unha nova frustración.