Onte 599: Tobaruela e “O códice do Santo Lugar”
A pesar da nortada, que xeaba os corpos, o noso primeiro serán na Feira do Libro de Compostela foi ben interesante. Agustín Fernández Paz asinou libros durante unha hora e media, padecendo as penalidades da friaxe e dunha ubicación moi desafortunada establecida polos organizadores. Pere Tobaruela e Xosé María Lema presentaron diante dun público moi numeroso as súas novelas, nunha sesión continua, que lembraba a dos cinemas dos domingos.
Luz Méndez foi a presentadora d´O códice do Santo Lugar, a novela histórica de Pere Tobaruela sobre o xove Xelmírez. Lembrando a súa querenza por Sarmiento e a importancia de Xelmírez, Méndez aventurou que “a Sarmiento, lle gustaría este libro, xa que Pere achega verdades dunha época de Santiago, a de finais do século XI, que debemos coñecer mellor”. “A Sarmiento gustaríalle, tamén, a sinxeleza de Tobaruela e o enxalzamento que fai da nosa historia”.
Pola súa banda, Tobaruela chamou a atención sobre o pracer da lectura, “un dos poucos agochos da nosa intimidade e da nosa reflexión. A lectura permite abrir fiestras a nosa propia imaxinación. Un libro é un mundo para cada un de nós”. Comentou que a pesar de publicarse nunha colección dedicada aparentemente a un público xuvenil, a novela se dirixía tamén a un público de persoas adultas. Fixo, despois, un símil entre a actual literatura islandesa e o espírito de Xelmírez: “Na súa época, Xelmírez quixo facer de Santiago o centro do mundo, como os islandeses queren facer da súa cultura un valor de cambio. Queren transcender coma Xelmírez soubo facelo no seu tempo”. Referiuse o carácter histórico do libro “no que atoparedes manobras políticas das que se están utilizando na actualidade, proba de que a historia volve”. Lembrou a concepción da historia de Unamuno “como unha illa, na que emerxía só unha parte. Nós somos o que queda mergullado, o que non se ve. Nesta novela intentei facer presentes as mulleres, desaparecidas e maltratadas pola historia. Eses personaxes, aparentemente secundarios, como unha manceba e unha meiga, conforman unha parte esencial da novela”. “Intentei, ademais, escribir a historia desde dentro, para evitar que fose a que contan os vencedores”. Rematou Tobaruela referíndose ao seu admirado Josep Pla e a ideaa do seu localismo universal: “quero explicar o mundo dende a cultura galega e exportala. Debemos crer no noso”.