Listado de la etiqueta: non_a_guerra

Pola paz e o retorno das tropas

Ao fío da polémica sobre o informe Chilcot, recupero para o arquivo do blog o texto da intervención que lin o 20 de marzo de 2004 na Porta do Sol tras a manifestación «Pola Paz e o retorno das tropas». Tras vinte anos o texto non perdeu interese.

20030322_006non_a_guerra_vigo590Hoxe, 20 de marzo, cúmprese un ano da invasión de Iraq polos Estados Unidos e polo Reino Unido coa complicidade do goberno presidido por José María Aznar. Un ano de violación continuada do dereito internacional por parte destes gobernos que, ignorando o clamor e a indignación amosada pola mobilización de millóns de cidadáns de todo o mundo, provocaron unha guerra e unha ocupación militar inmoral, inxusta, ilegal e denigrante para toda a humanidade.

Un aniversario coincidente co salvaxe atentado sobre a poboación civil de Madrid que ocasionou 202 mortos e máis de mil cincocentos feridos. Unha masacre que provoca o noso estremecemento, a nosa dor e a nosa solidariedade coas vítimas, humildes traballadores e traballadoras, coidadosamente elixidos pola industria da morte para aterrorizarnos e paralizarnos co asasinato indiscriminado dos nosos concidadáns.

Non hai nada en cada unha deles –nin nos milleiros de cidadáns iraquís mortos nos atroces bombardeos e atentados de Bagdag, a cidade de Scherezade, lembremos que foi o espazo onde a sociedade pasou da prehistoria á historia– que os distinga de cada un dos que estamos aquí reunidos. Cada unha destas vítimas era un ser humano irrepetible, todas tiñan nome e rostro, todas un proxecto de vida, todas vencellábanse a unha familia e a un grupo de amigos, todas construían unha historia persoal, todas levaban soños no seu peto, todas posuían un cantar, todas amaban unha terra, todas portaban unha memoria de seu. Nomes, rostros, vidas, familias, soños, cantares, memorias amputadas e rotas en continuos episodios que formarán parte dese cada vez máis groso volume da Historia Universal da Infamia.

Esa amputación da vida de todos estes nosos concidadáns do mundo prodúcenos dor e enfróntanos, se é que tiñamos os ollos pechados, con todo o horror que é quen de producir a humanidade á que pertencemos. Esa terrible amputación de vidas e soños, producida ao longo deste último ano de apoteose belicista, desvélanos a realidade espida da sociedade mortífera da globalización, da guerra preventiva e da nova desorde internacional, alentada polas políticas unilateralistas, onde a guerra e o terrorismo constitúen pezas do mesmo puzzle do horror e da miseria.

Hoxe, dende este anaquiño do universo que chamamos Galicia, unimos as nosas voces coas de millóns de persoas que, convocadas polo Foro Social Europeo reunido en París e o Foro Social Mundial reunido en Bombai, reclaman a paz en centos de cidades do mundo enteiro. Hoxe declaramos a nosa firme convicción de que é posible construír a paz, afirmamos que é imprescindible que a esperanza venza o medo provocado pola guerra e polas súas consecuencias devastadoras para a dignidade de todos os seres humanos.

Hoxe xuntamos as nosas vontades polas mesmas razóns que nos animaron hai un ano a mobilizarnos contra esta grande operación de conmoción e pavor da que todos somos vítimas inocentes, contra esta guerra inacabada e contra a actual ocupación de Iraq, acontecementos que tras un ano de operacións militares só teñen agravado a situación internacional.

Un ano despois, temos a certeza, como ratificou a maltratada ONU, que Iraq non dispoñía de armas de destrución masiva dende o ano 1994. Isto é. Nunca existiron armas de destrución masiva durante os anos de xestación deste conflito armado. E sen embargo, os responsables da cimeira dos Azores continúan mentindo.

Hoxe o mundo é máis mundial, menos humano, menos democrático, menos seguro e máis inxusto.

Hoxe é imprescindible que as forzas ocupantes abandonen o Iraq e o pobo iraquí, co apoio da legalidade internacional, poida recuperar a súa soberanía asegurando, cunhas institucións democráticas e as liberdades necesarias, a convocatoria de eleccións libres e o respecto polos dereitos humanos.

Hoxe resulta imperioso atopar unha solución de paz para Oriente Medio, desmantelar ese muro da vergonza do novo apartheid palestino e impoñer ao estado de Israel o cumprimento das inequívocas resolucións da Organización das Nacións Unidas. Como tamén en Chechenia onde continúa despregándose unha política de exterminio por parte do goberno Puttin co benepláctio cómplice de Occidente, porque o elixir negro do petróleo sempre se agocha tras os conflitos armados do noso tempo; ao igual que en Kosovo onde a ferida segue aberta.

Pero hai outras moitas outras guerras esquecidas no século XXI. África é hoxe un continente a deriva con vintesete conflitos armados abertos dende a guerra dos diamantes de Angola, á das etnias de Burundi, ao conflito da República Centroafricana. Mentres en Afganistán a operación “Liberdade duradeira” non conseguiu a democratización e o fundamentalismo segue vixente na práctica nun país que conta con dous millóns e medios de refuxiados.

Un ano despois do comezo da invasión do Iraq, o mundo é máis violento e menos seguro. Os brutais atentados do xoves pasado achegáronos a máis dura realidade do novo terrorismo internacional, dunha violencia indiscriminada, inxustificada, irracional dirixida cara ao asasinato aleatorio de civís. Calquera causa vólvese indigna en mans de quen nega o dereito dos demais, o da vida máis ca ningún outro, para facer valer o seu. Hoxe coa nosa presenza aquí manifestamos a nosa solidariedade coas vítimas e as súas familias e con todo pobo de Madrid, ao tempo que repudiamos o terror e a ruptura da convivencia democrática que os atentados pretendían provocar.

Na nova realidade mundial o camiño a prol da paz só é posible se vai da man da xustiza e da igualdade. Hoxe son 800 millóns as persoas que no mundo sofren a maior enfermidade da nosa civilización: a pobreza. O aumento da precariedade e a exclusión social; a profundización dos desequilibrios entre o Norte e o Sur do planeta; o deterioro medioambiental; a institucionalización da mentira como forma habitual de facer política; a violación impune da declaración dos dereitos humanos (dende a legalización de execucións extraxudiciais ata o mantemento do limbo legal de Guantánamo) ou o recorte progresivo das liberdades e dos dereitos da cidadanía democrática son as armas de destrución masiva do noso tempo.

Non é posible un mundo máis pacífico e seguro sen que sexa máis xusto, solidario e democrático. Neste camiño estamos convencidos de que non hai cabida para a violencia que só enxendra máis violencia, dor e sufrimento.

Hoxe, pois, somos os cidadáns conscientes de todo o mundo os que temos a responsabilidade de parar esta guerra de mísiles, mochilas e mentiras. Nunca máis debemos calar, resignados e fatalistas, porque coa arqueoloxía paciente das palabras os males da humanidade poden e deben ter remedio. A alegría non é posible nestes días, pero si a esperanza, esa fenda que queremos abrir colectivamente para respirar un novo aire, un intento que precisa que todos deamos o mellor de nós mesmos na angueira.

Nun momento de infinita banalización da morte violenta (apenas cifras nos xornais), a nosa solidariedade activa, a nosa presenza é o antídoto imprescindible para impedir que se nos roube a esperanza de convivir nunha sociedade en paz.

Reclamamos a volta das tropas españolas do Iraq ocupado e un compromiso do novo goberno nunha acción activa a prol da paz, a prol da cooperación internacional e a prol do multilateralismo.

Reclamamos de todos os gobernos a restauración da orde da legalidade internacional en Iraq e o reforzamento das institucións internacionais, condicións indispensables para abordar os conflitos con solucións diplomáticas e pacíficas.

Esiximos o respecto aos dereitos humanos e aos dereitos de todos o pobos a súa soberanía.

Comprometémonos a participar na recuperación dos valores da cultura da paz que comparte a humanidade dende as mil e unha noite.

A construción dun mundo en paz é un anceio posible.

¡Pola Paz mundial!

¡Guerra Nunca Máis!

Na Porta do Sol, Vigo, 20 de marzo de 2004