Onte 838: Cuestión de floteis
O quinto adiamento da adxudicación de dous floteis para Pemex, un que construiría Barreras e outro Navantia, amosa a temeridade de Feijoo de reducir a política a un exercicio de propaganda. Desde que un mes de antes das autonómicas de 2012 anunciara os contratos coa empresa mexicana, interrumpindo a emisión dos medios de comunicación públicos, o presidente da Xunta defendeu contra vento e marea que este era un asunto pechado. No entanto, a realidade é moi teimosa. A cidadanía galega e, sobre todo, a de Ferrolterra sabe que isto non é unha cuestión de fe. Non se lle pode pedir que agarde cos brazos cruzados a chegada duns contratos fantasma, presentados como derradeira opción para evitar o peche do estaleiro de Fene. Porén, é incrible que tras máis de ano e medio enxergando un futuro sen carga de traballo ningunha nin a dirección de Navantia nin os responsables da SEPI nin da Consellaría de Industria nin do Ministerio de Industria presentasen un plan alternativo para os estaleiros ferroláns. Esa si que é unha responsabilidade política que non pode ser adiada por Rajoy e Feijoo. Remata, pois, este 2013 perdido entre a inacción e a propaganda dos responsables políticos. Un triste balance.