Listado de la etiqueta: muiñeira_da_moa

Onte 1381: Presentacións na feira

Pechamos onte a participación de Xerais na Feira do Libro de Vigo coas presentacións dos libros de Silvestre Gómez Xurxo, De cristal, e Xabier Paz, A galera de Xelmírez.

Vigo_09-07-2015

A lectura dun texto do crítico Ramón Nicolás, que non puido participar, iniciou a presentación do libro de relatos de Silvestre Gómez Xurxo, que contou ademais coa participación de Pablo e Magoia, mestres gaiteiros do grupo Treixadura, que ao remate do acto estrearon a «Muiñeira da moa», en homenaxe ao autor. Nas súas palabras Silvestre explicou que a fraxilidade e vulnerabilidade humanas eran o centro dun libro, pouco convencional na literatura xuvenil actual.» «Creo que a vulnerabilidade é unha lei universal, todo o que existe desaparece. Eu teño esa visión. Tanto as persoas coma os animais son fráxiles e vulnerables.» «Percibimos a nosa existencia de forma máis primitiva grazas á amígdala, o centro das nosas atencións, que fai que reaccionemos sen pensar diante dos perigos, coma fan o resto dos animais. Ás veces temos medo de máis e prodúcese o “secuestro amigdalar”, e non sabemos reaccionar, quedamos bloqueados, sexa polo sentimento de culpa como polo propio medo.» Continuou Silvestre explicando que «por fortuna contamos cos lóbulos frontais que nos permiten planificar, aprender, facernos fortes fronte o abuso, grazas a eles temos posibilidades de ser máis resilientes, de aumentar as nosas defensas». Rematou Silvestre Gómez Xurso parafraseando un título memorable dunha novela de Kenzaburo Oe: Dinos como sobrevivir á fraxilidade.

A-galera_de_Xelmirez_Vigo_09-07-2015

A profesora da Universidade de Vigo Camino Noia ocupouse da presentación d’ A galera de Xelmírez. Comezou o seu discurso sinalando que na novela de Xabier Paz «as dúas versións da viaxe dos protagonistas, Fuxón Bonincontro e Stephano Bognoli, que camiñan de Pisa a Iria para construír unha galera para o arcebispo Xelmírez, ocupan un tempo narrativo distinto; Stephano conta cando regresa da viaxe e Fuxón apenas unhas horas antes da súa morte, explicando algúns detalles que sirven tamén para interpretar os comportamentos das persoas». «Fuxón coñece o mundo da sexualidade e das drogas que o leva a despreocuparse da misión que o leva a Compostela. En todo caso, a deles é unha viaxe con consecuencias tráxicas para ambos os dous. O relato da construción da galera é episódico. O actante é a viaxe polos camiños de Compostela, o que centra toda a historia. A viaxe é unha vía de autocoñecemento e autodestrución.»

Camino Noia salientou despois que «como nas novelas anteriores, Xabier Paz quere amosar o devir dos seres humanos que sometidos a condicións adversas sofren transformacións. Xabier é un autor máis preocupado pola introspección ca polo argumento, presenta máis caracteres ca acontecementos, non pretende arrastrar aos lectores a saber que pasa, senón o que serve para afondar na reflexión sobre cada un dos personaxes.» «A gran pregunta da novela é: “quen somos fóra do noso medio familiar e profesional?”, “como imos reaccionar?”»

«A galera de Xelmírez non é unha novela histórica, se entendemos por tal a que desenvolve episodios da Historia. Aínda que de fala de feitos reais, o espazo e o tempo é real, polo que se pode falar de “novela de aproximación histórica”. Descríbense moi ben as incipientes vilas do século XII, a vida das feiras, dos titiriteiros. Como tamén parece histórico o personaxe de Fuxón.» «Outro valor da novela é a descrición das paisaxes, que coinciden coas do Camiño francés de Santiago. As plantas, as partes dos barcos, o estado do mar son descritas con minuciosidade, como corresponde o gusto do autor como biólogo.» Rematou Camiño Noia resumindo que «este é un relato de experiencia, unha novela de viaxe moi ben escrita e de coidado espírito narrativo.»

Pola súa banda, Xabier Paz confesou que «este libro naceu como un empeño de síntese, un libro que pode entenderse de xeografías e identidades.». «Abordo o concepto de identidade como o da formación da conciencia, como somos e que cousas son as que nos ameazan, mais tamén a identidade dende o colectivo.» Explicou despois a xénese do libro. «naceu nun momento no que estaba ocupado con Xelmírez e a raíña Urraca, dúas figuras que entendo foron desenfocadas na nosa historiografía. Lendo na Historia Compostelana atopei a noticia da construción dunha galera por un tal Fuxón. E ocorréuseme desenvolver o que pensaría aquel mozo pisano.»

A seguir falou Xabier da importancia dos portos galegos no século XII e no traspaso da tecnoloxía naval daquela época na que se substituíu o sistema de construción das embarcacións. «Hai no libro unha vontade de poñer en contacto a cultura do país coa europea da época, a través do Camiño de Santiago.» Por último, explicou que pretendeu que o título da novela fose descritivo, «a galera simboliza o compromiso social, a responsabilidade profesional, a obriga que tensiona e xustifica a viaxe e o comportamento dos dous personaxes principais.» «Quixen facer un libro ameno e sintético», rematou.