Listado de la etiqueta: mar_guerra

Onte 1827: Presentación de “Norteáns” de Mar Guerra

Excelente presentación na FNAC da Coruña de Norteáns, a gran novela castrexa de Mar Guerra. Foi Xosé Manuel Sande, o concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento quen glosou unha obra histórica que relacionou coa Coruña, “unha cidade que recoñece as súas pegadas na historia, neste caso no mundo castrexo”. Gabou a novela de Mar Guerra e salientou que “aquí hai un traballo de documentación moi puído, un amor á precisión na composición dunha sociedade prerromana ao tempo que unha ficción que garante o entretemento na lectura”. “En Norteáns percíbese moito traballo e a posta en valor dun mundo que en boa medida descoñecemos como é a sociedade castrexa”.

XG00248401Mar Guerra confesou que esta novela supuxo seis anos de traballo, “seis anos pelexando con este conto castrexo, que logo saíu un novelón”. Definiu Norteáns como “unha novela épica que retrata a perda da inocencia de Bris, o protagonista adolescente, mais tamén da sociedade norteá, de Nola, o seu castro máis coñecido. Unha novela sobre o que é medrar, evolucionar, elixir e, como di Sartre, perder”. “Esta novela é unha homenaxe ao ser humano, capaz de realizar as maiores fazañas e tamén as peores ultraxes”. “Nola é a cerna da novela, xa que recuperala, volver a ela é o que motiva a todos os persoanxes a vivir e a ser o que son”. “É, tamén unha novela de aventuras, o relato da construción dunha nova sociedade a partir do alzamentos dos presos lusos argolados”. “Mais é sobre todo unha novela de valores, comoa fraternidade, a liberdade e a solidariedade, tan necesarios no século I antes de Cristo como agora”. “Nola é Santa Tegra, pero podería ser Elviña. É unha metáfora de Galicia. Os norteáns somos todos nós”.

Rematou Mar Guerra salientando que Norteáns “é unha novela, non é unha ensaio histórico”. “En Norteáns hai unha procura da identidade, hai paixón, honestidade e loita de clases. Pretendín que a historia fose absorbente: Creo que se pode definir como un best-seller á castrexa”.

Onte 1485: Series xuvenís

XG00030803Hai tempo que vimos apostando en Xerais pola publicación de series xuvenís como un espazo para a ampliación e formación do lectorado dende a preadolescencia. Un subxénero da literatura infantil e xuvenil que non debe ser esquecido e do que temos numerosas mostras no noso catálogo. «As aventuras de Said e Sheila» de Ramón Caride, nacida a partir de Perigo vexetal, premio Merlín de 1995, abriron hai agora vinte anos na lix galega este tipo de edición; unha serie que o autor pechará esta primavera coa publicación do quinto e derradeiro volume, O camiño da Estadea. o regreso de Said e Sheila. Anos despois, Xosé Miranda publicou dúas entregas da serie de maxia «Amancio Amigo», mentres que Xesús Manuel Marcos outras tantas d’ «O Brindo de ouro», serie con vontade triloxía de espírito tolkiniano nacida do premio Merlín de 2004, como tamén o foi a de Mar Guerra, protagonizada polo simpático Xenaro Conese Maiúsculo, obra gañadora do Merlín 2008.

Manuel Lourenzo tamén desenvolveu unha serie de dúas novelas xuvenís a partir de Irmán do vento, o premio Merlín de 2003, ao que seguiu Flor de area, senllas novelas sobre a guerra de Iraq. O mesmo autor creou o personaxe de Tanis I O Mocos, o príncipe herdeiro do reino de Sofrovía, cun tinte humorístico magnífico. Pola súa banda Jaureguizar, en colaboracion co ilustrador Matalobos, ten en marcha dúas series recentes de moi diferente fasquía: « Os Sabuxos», serie de intriga preadolescente, e «Un misterio para Tintimán», que percorre a historia das cidades galegas da man dun intrépido reporteiro adolescente. Elena Gallego é a autora de «Dragal», a serie do dragón galego, catro títulos até o momento, ademais dun interesante proxecto de edición estendida e transmedia, alicerzando un mundo de fantasía sobre a memoria do noso patrimonio oral. Mentres Rosa Aneiros ofrece na triloxía «Ámote Leo A.» unha viaxe por varios continentes dunha moza galega ao remate dos seus estudos universitarios. A súa vez, Anxo Fariña creou «Os Megatoxos», a serie máis veterana e con máis títulos da nosa lix, na que se propón unha engaiolante viaxe polo tempo e pola espazo.

XG00236401Neste contexto naceu o noso proxecto máis recente, a serie «Formig4s», creada por Pere Tobaruela e Andrés Meixide, da que onte entrou en almacén a súa terceira entrega, Formig4s. Misión Barcelona. Mesturando o texto literario coa banda deseñada muda, utilizando a escolla tipografía como procedemento expresivo, cada entrega leva aos catro membros de «Formig4s brigada especial» a coñecer unha das grandes cidades do mundo (ParísNova York, Barcelona, no futuro Toquio) para resolver uns enigmas con alicerces na historia. O carácter prototípico e moi diferente de cada un dos catro heroes (Formos4, Form4il, Fornel4 e Forx4n), xunto a presenza dun seu rival, o Doutor Paumao, un científico que ambiciona a calquera prezo converterse no amo do mundo, artellan unhas tramas novelescas onde se mestura a acción, a intriga e a investigación documental. Un proxecto do que no sentimos satisfeitos e agardamos sexa exportado a outras linguas.

Nestas series xuvenís galegas estase facendo un importante esforzo de innovación de formatos editoriais que agardamos contribúa a ampliación do público na preadolescencia e a súa formación con lectorado literario.

Onte 1268: «Xenaro e a negra sombra» de Mar Guerra

Moito_conto_18-03-2015

Na magnífica libraría Moito Conto da Coruña, especializada en literatura infantil e xuvenil, presentamos onte Xenaro e a negra sombra , a novela de Mar Guerra ilustrada por Fernando Llorente. Miguelanxo Prado foi o padriño deste terceira entrega da serie protagonizada por Xenaro Conese Maiúsculo, o protagonista de Xenaro e o misterio da mochila verde co que a autora coruñesa obtivera o premio Merlín de Literatura Infantil 2008.

XG00209101Comezou Miguelanxo lembrando que coñecera a Mar Guerra como membro do equipo de prensa de Viñetas desde o Atlántico e que para el fora unha moi grata sorpresa cando soubo que obtivera o premio Merlín. Xa metido na fariña da novela, cualificou o universo no que se move o protagonista de crible: «Mar consegue que ese grupo preadolescente sexa dende o primero momento fascinante e coherente, tanto pola variedade social existente (hai pijos, gafapastas…) coma polos seus conflitos, incluído o lingüístico. Lembroume un pouco ao xogo que facía Quino con Mafalda e cada un dos seus personaxes, aínda que coas súas características.» «Na serie de Xenaro hai todos os ingredientes da novela de calidade, hai aventura, intriga e mesmo un chisco de medo. Mais tamen outros que convidan á iniciación na lectura na contorna dos personaxes sen que o resultado sexa un afán didáctico. Mar Guerra sabe introducir estes elementos de xeito interesante.»

Ocupouse despois Prado de salientar a importancia da linguaxe na novela. «Xenaro é amante das palabras, dos sinónimos, do soletreo, utiliza a lingua con precisión, atento sempre ao seu significado. Non esquezamos que a lingua é seguramente o don máis preciado que a natureza nos dei aos seres humanos. É moi salientable que unha autora e un personaxe teñan esa consideración sobre a linguaxe e o valor das palabras.»

A seguir, ocupouse o autor de Ardelén do traballo de ilustración de Fernando Llorente. «Coñecín a Fernando no mundo da animación. Foi deses debuxantes cos que tiven o pálpito con só ver un par dos seus debuxos. Ten chispa, os seus debuxos nunca deixan indiferentes, pese a súa aparente sinxeleza, teñen un punto de vista especial, ese hálito de vida é un ben moi escaso. Ademais, é un debuxante elegante, que é algo a valorar.» Confesou Miguelanxo que «a estas alturas non concibo a literatura infantil e xuvenil sen ilustrar. Creo que é completamente indispensable para o lector. O libro é unha ferramenta incrible que une o lingüístico e a educación visual.»

Comezou Mar Guerra celebrando que «é fantástico que Miguelanxo Prado veña a falar do noso libro e non do seu» e confesando que pasara moito tempo entre a escritura e a publicación desta novela. «Despois do Merlín e do contacto cos rapaces nos coles, saía sempre a pregunta de se ía haber continuación. Daquela decidín facer un segundo e agora este terceiro, que penso debería pechar a saga. Pechei un curso escolar de sexto de Primaria. O primeiro trimestre aparece en Xenaro e o misterio da mochila verde; o segundo en Xenaro e a hucha do indiano; e o terceiro neste Xenaro e a negra sombra. É, pois, unha triloxía para o último curso da Primaria.»

«Esta terceira entrega é un Xenaro de exteriores, todo transcorre lonxe da casa, ao aire libre, no decurso dunha semana de fin des estudos no albergue de Porroutó. Ten unha nota realista, o personaxe do Carapucho, prestado dunha historia real.» «Pretendín que fose un texto onde nada é o que parece, onde ninguén é bo ou malo por natureza. Fixen acenos a Tarzán e a Mowgli, así como unha defensa do lobo, unha vítima da nosa avaricia e desprezo polo Planeta. E sobre todo, quixen facer un canto á amizade, á solidariedade e á empatía, ese sentimento que nos fai ser humanos, que fai que te mergulles na pel de quen está ao teu carón. O libro é un berro pola empatía, para que fose algo cotián.»

Neira Vilas e Mar Guerra hoxe na Feira do Libro da Coruña

Tras a agotadora xornada de onte e senllas magníficas presentacións, hoxe volvemos á Torre para acompañar a Mar Guerra e a Xosé Neira Vilas nos seus actos. As primeiras impresións (xa adianto que moi pesimistas) recibidas dos libreiros apuntan a unha baixada nas vendas da primeira fin de semana con respecto ao ano anterior, a pesar de que o número de visitantes foi moi elevado. No obstante, polo vivido onte non teño dúbida que a Feira do Libro da Coruña , a pesar da crise e do andazo, mantense por ventura como a máis importante cita da cultura do libro en Galicia. Agardamos que a semana continúe co mesmo pulo co que comezou.