Listado de la etiqueta: manuel_puig

Onte 1367: A cidade nebulosa

cabalos_e_lobos_25-06-2015

A presentación de Cabalos e lobos de onte en El Corte Inglés de Vigo foi outra oportunidade magnífica para escoitar a Fran P. Lorenzo falar da súa novela gañadora do último Blanco Amor, desta volta conversando durante unha hora coa xornalista Teresa Cuíñas. Comezou confesando Fran que «nunha primeira novela precisaba implicación co que quería contar, quería falar dun espazo urbano», «esa e a razón pola que escollín Vigo». «Hai un mito sobre Vigo como cidade que non ten identidade nin referentes. É falso. Opaca unha memoria real, que hai que poñer en valor, que cómpre recuperar. En Cabalos e lobos quixen que a xente compartise a miña visión de Vigo. A cidade nebulosa é tamén unha identidade de seu». Preguntado por Cuíñas sobre as razóns de escoller unha familia burguesa como protagonista, Lorenzo contestou que «a elección dunha familia estranxeira permite utilizar a ollada dos pioneiros, alguén que chega e ve o que hai», mais tamén «conectar con Europa e dende o seu outeiro ver as distintas capas da cidade». «Na novela relátase como foi crecendo Vigo, dende os 20.000 habitantes a comezos dos anos 20 aos 200.000 no ano 1957. Quixen deitar unha ollada case cenital, de gran angular».

XG00070101O deseño dos personaxes e a dosificación da intriga foi outro dos temas nos que afondou a conversa. «Esta é unha novela que ten moito corazón, moita vibración de emocións», confesou Fran. «Tiña medo que esa vibración fose tan intensa que caese en algo «cursi» ou inverosímil ou afectado. Foi a miña intención estar no límite.» A este teor, o autor lembrou que Agustín Fernández Paz dixera nunha conversa que compartiran nunha emisora que «Cabalos e lobos lle lembraba ás novelas de Manuel Puig, polo tratamento que lle daba ás emocións e pola obsesión de describir os obxectos coa maior precisión.» Teresa Cuíñas introduciu o fío do papel do real na obra e do afán do autor de constrastar fontes e datos, na súa condición de xornalista. Fran recoñeceu que lle »amolaban as narracións nas que non se distingue entre a ficicón e o que é real».«A novela ten moitos datos e datas. Quixen que todos os feitos e datos fosen reais. Custoume moito tempo contrastalos, mais atendendo sempre a que non interrompesen a lectura da novela.»

Cando Cuíñas sinalou a carga dramática da novela, Lorenzo salientou que a concibira como un melodrama, «cun peso importante de dor». «Paula, a protagonista, comeza a contarse a si mesma quen son os seus, ignórao case todo, vai descubrindo. Quería que quen lese a novela fose acompañándoa, sabendo onde ela.» «A novela baséase moito no segredo, no que se oculta, mais tamén nos tempos que se alongan. Nese sentido é unha novela analóxica.» Interrogado sobre o titulo da obra, Fran afirmou que «”cabalos e lobos” e unha metáfora sobre como a xente se comporta nunha guerra, mais tamén sobre o comportamento na vida«, «cando souben que só en Galicia e en Mongolia conviven os cabalos e os lobos quedei aínda máis convencido».

A última parte da conversa xirou sobre o proceso de escrita da novela, que Fran confesou se remontaba a hai vinte anos, «cando estudaba na carreira escribín algúns dos relatos, aínda que o proceso de escrita sistemático foi hai catro anos e, despois dunha interrupción, máis intensamente no último anos e medio». Preguntado sobre que ía escribir a partir de agora, Lorenzo recoñeceu que ainda «estou interiorizado polos personaxes de Cabalos e lobos. Sei que a sorpresa é o que testemuña que estamos vivos. Na propia novela dise que “sen sorpresa non hai vida”. preciso escribir algo que me sorprenda a min mesmo, sen tanto peso da memoria e da historia, mesmo e se fose posible de humor, historias que pasan agora das que non se contan. Son moi poucas as novelas galegas que falan do pasa hoxe.»