Onte 1599: Alianza 50
Alianza Editorial anunciou onte a celebración do seu cincuenta aniversario. Cinco décadas nas que publicou 3.500 títulos dos que dous mil corresponden a súa mítica colección de Peto, a das inesquecibles portadas de Daniel Gil, actualizadas nesta década por Manuel Estrada. Alianza é un faro que ilumina a edición cultural en España. Un modelo de proxecto editorial cultural defendido contra vento e marea por un grupo de profesionais expertos. Unha editora de fondo que soubo dialogar coa comunidade dos seus lectores e lectoras sen perder nunca a súa identidade. Alianza celebra o cincuentenario coa publicación de dous lanzamentos de oito títulos, presentados cunhas espectaculares portadas tipográficas, nos que recupera para a relectura a algún dos seus títulos emblemáticos, xunto a outros que son estrita novidade. Lanzamentos que expresan o ADN da editora que dirixe a nosa admirada Valeria Ciompi. A ela e a todos os membros do seu equipo os nosos parabéns.