Onte 1343: Ángeles Alvariño
Grazas a unha entrevista que en Ser Galicia fixeron o pasado domingo a Alberto González Garcés souben da biografía da oceanografa galega Ángeles Alvariño González, a quen onte a Academia das Ciencias dedicou o Día da Ciencia en Galicia. Formada nos anos da fame na Complutense, no ano 1951 foi destinada como bióloga mariña-oceanógrafa ao Laboratorio Oceanógráfico de Vigo, continuando as súas investigacións en Plymouth sobre o zooplancto e o ictoplancto, temas dos que chegou a ser unha autoridade mundial. Máis tarde instalaríase como investigadora nos Estados Unidos, onde xa xubilada fixo o seu famoso traballo sobre a Expedición Malaspina, a primeira expedición científica oceánica, un século antes que a do navío británico Challenger. Primeira oceanógrafa galega, primeira muller que se embarcou nos barcos de investigación británicos, descubridora de 22 especies mariñas, a científica ferrolá é a primeira muller á que se lle dedica esta efeméride concibida para abrir espazos de visibilidade e divulgación para a ciencia.