Onte 1584: Linguas cooficiais
Dentro do programa de goberno que o grupo parlamentario de Podemos presentou onte, ao que puiden botar unha ollada en vertical, reparei no apartado 5.2.12 referido á «Protección da riqueza cultural e lingüistica do Estado». Un texto interesante no que por vez primeira, dende os tempos da Reforma Política, se propón que o castelán, o catalán, o éuscaro e o galego sexan «cooficiais para o conxunto do Estado español», fixando que estas linguas «poderán ser utilizadas en todas as institucions e actos da administración pública central». Unha medida que de poñerse en vigor cualificaríamos de histórica e decisiva para a recuperación do estatus da lingua galega, máis aínda cando sería acompañada doutras non menos relevantes como «a preservación das políticas de normalización lingüística existentes», «a revisión dos contidos educativos nas materias de Historia e Ciencias Sociais para integrar unha visión plurinacional do proceso de construción e ordenación do Estado» ou a presenza da pluralidade lingüística nos medios de comunicación públicos estatais e a súa promoción nos medios de comunicación privados. Ben sei que apenas se trata de liñas programáticas, mais é ben esperanzador que medidas deste tipo comecen a incluírse na axenda política futura.