Listado de la etiqueta: infolibre

Onte 1032: Vergonza de titular

elpais-gaza

Hai xa tempo que non me escandalizan os editoriais realistas de El País no seu transo cara ao espazo político de centro dereita españolista. Comprendo que desque é propiedade de fondos de investimentos internacionais, o cadro de profesionais perdeu o control da «independencia» do xornal e algúns dos seus máximos directivos como Cebrián, probablemente, tamén a dignidade.

Xaora, o titular de onte na portada da edición impresa referido ao xenocidio de Gaza («Israel e Hamás intercambian cohetes en plena escalada militar») supera todas as liñas vermellas coas que un poida decepcionarse. Este titular de El País é unha vergonza desde o punto de vista do rigor xornalístico, competindo en indignidade cos da prensa máis reaccionaria do seu entorno. Xaora, un titular escasamente obxectivo, a pesar de que no ladillo se destacase o número de vítimas palestinas (40) e o de ataques dos F-16 (400). Abonda con consultar outras fontes da prensa internacional para coñecer que daquela eran 66 os palestinos mortos, dos que 50 eran civís e 14 deles nenos, sendo o número de feridos máis de 400, mentres en Israel, por ventura, non se produciron vítimas tras os lanzamentos dos foguetes de Hamás.

Interpreto o desafortunado titular como outra mostra da deriva reaccionaria de El País, acentuada tras a mudanza na súa dirección. No entanto, é difícil non expresar a miña decepción e protesta, primeiro pola impotencia que sei sinten moitos dos seus profesionais e colaboradores, entre as que hai persoas que moito quero e admiro, mais tamén pola inevitable melancolía que produce saber da perda de quen nos acompañou día a día durante case catro décadas, esas páxinas nas que aprendimos e coas que reflexionamos e soñamos. Este afastamento, cada vez máis irreparable, de El País dos seus lectores e lectoras progresistas é unha perda dolorosa, semellante á que produce o afastamento dun gran amigo de vello. Por fortuna, na prensa de Madrid, a pesar das dificultades do actual proceso de hibridación, apareceron outros medios aos que paga a pena ler.

Onte 819: A mellor novela de Ameixeiras

Despois de asistir ao inicio da presentación do proxecto de InfoLibre que fixo Jesús Maraña en Sargadelos (unha lección de xornalismo), participei en Couceiro na presentación de Matarte lentamente de Diego Ameixeiras. A xornalista Marta Rodríguez fixo unha magnífica intervención, na que repasou a traxectoria de Ameixeiras dende a publicación de Baixo mínimos, «unha novela encabezada por unha cita de Ilegales tiña quer interesante», cualificando a Diego como «un dos nosos grandes narradores». Comentou logo a estrutura e temas de Matarte lentamente, novela que definiu como «historia agre en branco e negro» e rematou salientando que era «a mellor novela de Ameixeiras até que publique a seguinte».

Pola súa banda, o autor relacionou a novela con Dime algo sucio e Historias de Oregón, aínda que desta volta estivese ambientada en Compostela, «como nesas dúas, inclúe moitas tramas cruzadas entre si, que requiren inicialmente un certo esforzo por parte do lector, até que van collendo relación». Relatou Ameixeiras como naceu a idea da novela. «Unha mañá de sábado, cando regresaba, vin na rúa Galeras unha manifestación de preferentistas camiño da casa do presidente Feijoo. Unha parella de vellos sentaron no meu portal. O home tentaba acougar a súa muller da súa carraxe. Pensei, entón, qué habería na cabeza desta xente estafada pola cobiza dos banqueiros. Iso deume para inventar a primeira das historias, a dos preferentistas. Logo viñeron as outras, relacionadas co narcotráfico ou cos problema da sanidade. Armei un mosaico de vidas e dramas ambientados en Santiago».

Ameixeiras recoñeceu que houbo cambios ao longo da escrita das oito novelas, «sobre todo a partir de 2009, cando publiquei Dime algo sucio, creo que dende entón hai unha procura da propia voz, do propio estilo, do camiño do escritor». «As dúas primeiras, as que protagoniza o detective Horacio Dopico, son novelas nas que a partir de escenarios coñecidos pola xente da miña xeración intentei crear unha sensación paródica. Dende Dime algo sucio hai un intento de mesturar claves do xénero negro criminal coas do realismo. Tratar de abordar temas de actualidade no xénero negro é algo que xa fixo Montalban para deitar unha ollada sobre a transición. Hoxe resulta imposible abstraerse da realidade que estamos vivindo, é o mellor argumento para o xénero negro criminal». «Intento ser o cronista deste tempo, mais sen ser panfletario. Será o lector quen teña que cubrir os ocos que quedan na propia historia, os matices e pequenos detalles tan importantes». «En Matarte lentamente optei por darlle moita importancia a personaxes femininos, aqui son protagónicos, o que non adoita acontecer no xénero». Rematou confesando que para poñerse a escribir ten que saber todo o que vai suceder na novela e dedicando unha lembranza ao seu pai, que morreu hai dous anos, coincidindo coa presentación de Asasinato no Consello Nacional.