Onte 1973: Homenaxe a María Victoria Moreno no Club Faro de Vigo
Ben interesante foi a mesa redonda de onte no Club Faro de Vigo sobre María Victoria Moreno na que acompañamos a Xavier Senín e Isabel Soto, autores da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro (Xerais, 2018). Un serán literario no que todos os tres reivindicamos o recoñecemento do que non gozou en vida, a pesar de contar con moitos amigos, para esta cidadá e escritora galega que o foi por decisión consciente, reflexiva e persistente.
Xavier Senín fixo o retrato humano de María Victoria, debuxou súa traxectoria formativa dende o ensino primario en Segovia e Sepúlveda, pasando polo bacharelato no colexio da Sección Feminina en Barcelona, até os estudos de Filosofía Letras na Universidade de Madrid, onde Rafael Lapesa e Dámaso Alonso foron profesores marcantes para ela. Detívose Senín na estancia de María Victoria e a súa irmá Sara en Valdoviño en 1947, cando acompañaron á súa tía Conchita e o seu home, primeira experiencia galega que para elas foi «un territorio de liberdade». Salientou Xavier os primeiros días da súa chegada a Pontevedra en 1963 e o que supuxeron os dous anos como profesora en Lugo, onde coñeceu a Xesus Alonso Montero, tras aprobar as oposicións como profesora agregada de Lingua e Literatura Española, onde tivo como alumnos a Xesús Rábade Paredes e Darío Xohán Cabana, entre outros. Referiuse, tamén, ao seu compromiso como profesora de lingua galega, tanto na década de 1970 como no inicio do período autonómico, así como á experiencia da libraría Xuntanza, que fundou con outros nove socios en 1973, e a cronoloxía da súa obra literaria, fundamentlamente pero no só, infantil e xuvenil que foi publicando dende aquel mesmo ano.
Isabel Soto comezou lembrando que María Victoria Moreno era apenas a terceira das mulleres homenaxeada en 55 edicións do 17 de maio, o que é algo importante, mais tamén moi significativo. Seguiu Soto debullando o que para ela foron os seus dous compromisos como autora: «só escribo en galego, só escribo para nenos». Compromisos asumidos como escritora autófona e monolingüe que «comprendeu o carácter diglósico da situación sociolingüistica desta terra». «Como amante das linguas e coñecedora delas, aprendeu galego dende cero e fíxoo con naturalidade consultando dicionarios, que moito lle gustaban, e realizando lecturas literarias dos nosos clásicos. Axiña deu cursos de galego, preparou unha antoloxía de poetas novos e chegou a facer varios manuais de historia da literatura para o ensino medio».
Xaora, tras salientar este compromiso de María Victoria coa lingua galega, a cerna da intervención de Isabel Soto foi reflexionar sobre a súa obra literaria infantil e xuvenil na que estableceu dúas etapas. Unha primeira, na que desenvolveu unha obra infantil, formada polos títulos publicados na década dos setenta: «Crarisca e o luceiro« (1972), conto premiado no concurso de narracións infantís convocado pola agrupación cultural O Facho; Mar adiante (1973), a aventura dunha escola nun barco, e «O cataventos», premio do Facho en 1975, un conto de animais que admite a lectura dun conflito desencaeante de cambios, que sería publicado catro anos máis tarde no volume Contos pra nenos (Galaxia, 1979), xunto a textos de Paco Martín, Xoán Babarro e Eliseo Alonso, libro que será o primeiro en lingua galega que formará parte da Lista de Honra do IBBY. Primeiro ciclo que pecha coa publicación d’ A festa no faiado (1983).
A seguir, Isabel Soto sinalou que en 1986 María Victoria Moreno abriu a segunda etapa da súa obra con Leonardo e os fontaneiros, a primeira das súas obras dirixidas a adolescentes, á que seguiría Anagnórise (1989), que a convertiu nunha das autoras máis lidas polo público mozo, «novela que constitúe un achegamento maxistral aos medos da mocidade, introducindo o tema das drogas, que desafía ao lectorado de calquera idade», e que remataría con Guedellas de seda e liño (1999). Rematou Soto recomendando a lectura de Diario da luz e a sombra (Xerais 2004), onde está todo o seu estilo, «resultando conmovedor para expresar o seu optimismo sensato».