Onte 1719: “Horizonte de sucesos” de Anxo Fariña na Feira de Vigo
Completamos no serán de onte as presentacións de Xerais desta exitosa edición da Feira do Libro na Porta do Sol coa de Horizonte de sucesos, a novela de Anxo Fariña. Unha novela de fronteira na que o contador de histoiras vigués, narrador e ilustrador, explora os límites da ficción, do onírico e do real. Unha novela de fronteira, tamén, no que atinxe aos públicos, xa que se dirixe tanto ao xuvenil como o das persoas adultas. Un libro de fronteira entre a narración e a ilustración, na medida que a imaxe de cuberta, unha homenaxe de Fariña ao xardín das delicias do Bosco (coincidindo cos cincocentos anos do pasamento do xenio holandés), constitúe en si mesma unha ollada perturbadora global da obra e dalgúns dos seus episodios principais.
Na súa intervención Fariña explicou a importancia desta ilustración, “xa que é a que o narrador está debuxando como un traballo universitario, quixen que fose un xogo dentro da novela, case como o diario debuxado do propio protgonista”. O título da novela fai referencia a un concepto acuñado por Stephen Hawking, que diferenciaba entre o universo, o burato negro e o horizonte de sucesos, apenas unha raia, unha rexión limítrofe entre as outras dúas, da que só é posible fuxir se viaxamos á velocidade da luz. “O horizonte de sucesos é unha fronteira entre o espazo-tempo, un punto de case non retorno, unha terra de ninguén, un espazo limítrofe, un lugar e un non lugar como ese centro de acollida de menores onde sitúo a novela, ou como os campos de refuxiados onde as persoas pertencen e non pertencen ao mesmo tempo”. “O libro está dedicado a todas as persoas que conseguiron fuxir dese horizonte de sucesos, procurando o territorio da luz”.
Continuou Anxo Fariña explicando que “na novela hai unha intención explícita de non agochar a dor, presente na migraña, a doenza crónica que padece o protagonista, que determina a súa forma de encarar a vida no centro e a súa relación cos menores”. “Como migrañeiro crónico sei que queremos fuxir da dor, mais que ao mesmo tempo falar dela reconforta e fainos sentir mellor”. Definiu a novela como de intriga, onde a historia vai avanzando sobre un incidente determinante, ao tempo que o protagonista, o educador bolseiro, é apenas un observador da vida do centro e dalgúns acontecementos que non comprende”. “O experimento do Gato de Schrödinger serviume para explicar que unha mesma cousa pode ser e non ser ao mesmo tempo, o que supón un desafío para o lector que debe dirimir que parte da historia é real é cal non”.