Artigos

Onte 1581: «O dobrón de a oito» de Alberto Fontes

XG00236601Presentamos onte no Ateneo de Pontevedra O dobrón de a oito de Alberto Fortes. Confesou o autor pontevedrés que escribira «a novela que me gustaría ler: de aventuras, de iniciación, que transcorrera na Galicia do século XVIII, que eu imaxinara tras a lectura de moita documentación onde se pode ver a Galicia daquel tempo polo miúdo». Para Fortes a novela aborda «a explotación dos campesiños polos donos da terra, fosen señores eclesiásticos ou forais, que se mantivo en Galicia até hai algúns anos, xa que coñecín o recendo da Galicia clásica na nosa aldea de Caroi.» «Sei que aquela Galicia barroca era un país chuvioso, enfangado. En 1769 houbo seis meses onde non se viu o sol, choveu seguido, pasouse moita fame. Era aquela unha Galicia de choupanas colmadas, aínda non telladas. Un país de tabernas de viño malo, que se levantaban ao pé das praias, onde había moito contrabando de sal e tabaco de Virxinia.» «Un país de pousadas cheas de bichos, como escribiu Borrow na súa viaxe por Galicia.»

Continuou a súa intervención Alberto Fortes referíndose a «aquel país de mareantes e navegantes, nun tempo onde se crea a Armada Española e os tres departamentos marítimos». «Os rapaces da beiramar tiñan a obriga de enrolarse na armada como grumetes e máis tarde como gavieiros, en condicións de vida moi duras, algúns quedaban mancos ou tocos.» «Un país no que había un odio ao inglés, o que explica o fenómeno do corso e a aparición de Benito Soto que asaltaba só a barcos ingleses.» «Imaxinaba parroquias con escribáns falsarios, xuíces corrompidos e curas caciques. E por último, un país onde había fidalgos pobres.» «Nesta Galicia da que tanto falou Otero con saudade –cando lembraba que “o millo foi o mellor presente que chegou a Galicia”, xa que financiou todo o barroco galego–, quixen ambientar esta novela de aventuras clásica, que agardo sexa do voso agrado.»