Onte 4: décimo aniversario do 11M
A omnipresenza nos medios e na rede do décimo aniversario do 11-S activa, inevitablemente, as lembranzas de como coñecimos a noticia e como vivimos aquelas horas. A memoria permítenos traducir a historia en primeira persoa, impregnándoa con todas as nosas emocións e subxectividades. Vivencias que transformamos en testemuñas que serven para verbalizar e darlle coherencia a esoutro relato esencial, o da historia persoal, que todos imos moumeando en silencio día a día. En diversos momentos deste 11-S, lembrei que coñecín a noticia do atentado ás Torres Xemelgas pola SER, mentres viaxaba pola A-9 camiño dunha xuntanza no estudio de Fausto Isorna, que nos presentaría a derradeira versión de Galicia. Unha luz no Atlántico. Naquela oficina do Toural agardábanme Víctor Freixanes e Malós Cabrera, os coordinadores da obra, cos que compartín en amizade aquelas primeiras horas da tarde de profunda inquedanza. Soñara con eles moitas veces aquel libro de referencia, concibido por Xerais coa vontade inequívoca de marcar un novo estilo na divulgación do coñecemento de Galicia dentro e fóra do país, unha contribución que axudase a iniciar con esperanza e altas doses de autoestima o novo século. Porén, aquela obra quedará tamén vencellada animicamente coa perplexidade daquela tarde do 11-S e co que sucedería un ano despois, o 11-N de 2002 coa desfeita do Prestige. Así de selectiva e caprichosa é a memoria persoal.