Artigos

Onte 700: «Costa da morte» ou a memoria da paisaxe humanizada

Costa da Morte, a película do vigués Lois Patiño, estreada esta fin de semana no 66º Festival de Locarno, competindo no apartado de «Cineastas do presente», xa é un dos cumes do emerxente «novo cine galego». Contando coa colaboración estreita da fotógrafa e cineasta Carla Andrade e utilizando como principais recursos creativos o plano panorámico fixo e moi aberto e o son en primeiro plano, Patiño ofrece durante case hora e media un relato visual dunha beleza excepcional e dun forte impacto emotivo. Unha peza de fronteira, unha hibridación entre o vídeoarte e o documentalismo clásico. En todo caso, unha película fermosa e memorable, engaiolante para ver, compartir e debater sobre ela.

Afastándose dos tópicos do documentalismo publicitario e da retórica historicista ou académica, Lois Patiño propón ao espectador unha ollada reflexiva, compartida e complexa sobre as relacións entre a paisaxe humanizada e a súa memoria. Un proceso de esculca, producido entre o abraio e a experiencia sensorial. A narración recorrente, case concéntrica, do desenvolvemento durante dous días e unha mañá de oficios vinculados ao entorno natural nas comarcas de Xallas e Nemancos, presentadas aquí como «Costa da Morte», apenas unha etiqueta. Os labores dos percebeiros, mariscadoras, mariñeiros, madeireiros e bombeiros forestais fundidos coa paisaxe natural na que se desenvolve, expresión do ciclo da natureza e da propia vida.

A paisaxe (de Monte Pindo a Malpica) é a protagonista dunha pelicula fermosa, elaborada por Patiño e Andrade na montaxe coa paciencia dos artesáns, na confección dos planos coa potencia visual do pintor e na toma de son coa meticulosidade dos técnicos de laboratorio. Para conseguir este sorprendente resultado, o retrato da memoria dunha paisaxe inevitablemente humanizada, Patiño recorre a utilización dunha composición panorámica, de xeometría áurea e de cromatismo potente, sobre a que se salientan os sons naturais e se identifican as conversas recollidas con micrófonos inalámbricos. Unha humanización da paisaxe presentada pola discreción da presenza dos seres humanos, nalgunhas ocasións apenas un punto, un sinal case imperceptible, noutras subliñada por algunhas secuencias non exentas de espectacularidade, como as dos percebeiros de Corme ou as finais do facho emitindo o seu sinal (luz) de axuda entre o solpor e o abrente do día.

As voces, as linguas e o sons competindo coa imaxe dotan á paisaxe de historia, humanizándoa, procurando o seu celme e a súa memoria, expresando a vontade antropolóxica dunha fita que esculca na identidade primeira do país de noso, nesa fusión entre home e paisaxe na que Castelao atopaba a alma eterna de Galicia. Cine case naturalista, con escasos adovíos e trampas argumentais (coa excepción da discutible inclusión dun curro). Un camiño posible para un novo agromar dun cine galego que aposta máis pola creatividade ca por emular a imposible estratexia industrial dos tinglados televisivos.

Costa da Morte é outra fantasía desa humildísima factoría creativa de Zeitun Films, capaz de ofrecer nos últimos anos os éxitos internacionais do noso cine, con películas memorables como Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, Arraianos de Eloy Enciso, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia ou esta tan sorprendente Costa da Morte. Agardo que a película de Patiño se poida gozar axiña nos festivais e salas galegas. Paga moito a pena.

Publicado en Galicia Confidencial.

Onte 675: «Costa da Morte», outro éxito de Zeitun Films

Costa da Morte (teaser 1) from lois patiño on Vimeo.

Soubemos onte que Costa da Morte, a primeira longametraxe (80 minutos) de Lois Patiño, foi seleccionada para participar na 66ª edición do  Festival Internacional de Cine de Locarno na súa sección competitiva «Cineastas do Presente». Un documental non estreado no que o realizador vigués realiza unha esculca sobre as relacións entre o ser humano e unha natureza impoñente utilizando as súas relacións visuais e sonoras. A participación de Costa da Morte en Locarno é unha nova proeza da produtora Zeitun Films, tras o éxito de Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, Arraianos de Eloy Enciso e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia, películas multipremiadas en diversos festivais internacionais nos útimos tres anos. Un éxito ao que non é alleo o rigor e o coñecemento dos produtores, Felipe Laxe e Martin Pawley, que acreditan na «fantasía do novo cinema galego», simulando o eufemismo que decote utilizamos para referirnos ao noso sistema literario. A pesar da redución das axudas públicas e do escaso peso da creación fílmica nos estándares da cultura galega actual, as arriscadas propostas de Zeitun Films van abrindo o seu vieiro. Un síntoma esperanzador de vitalidade. Os nosos parabéns aos produtores e aos equipos de creación.