O suplemento dominical «Estela» de Faro de Vigo dedica hoxe catro páxinas (pódense baixar ou ler en pdf aquí) ao pulo que colleu o Facebook en Galicia. A reportaxe supón a visibilización na prensa de papel dun fenómeno que nos últimos meses colleu unha dimensión sorprendente, tanto polo incremento do número de usuarios que nos unimos a este rede, como pola incidencia que o seu funcionamento ten sobre a sociedade (velaí a mobilización contra o veredicto homófobo, nacida desde esta rede).
Os blogueiros daquel blogomillo ventureiro, nacido hai case cinco anos, volven atoparse no facebook e, tamén, en twitter (o microblogueo merece unha anotación específica), coa entusiasta actividade de novos membros que durante estes dous últimos meses se uniron a esta rede de amizades nas que se comparte amizade, lercheo, reflexión e múltiples afinidades. Foi decisiva nesta ampliación do perímetro da rede galega de Facebook a campaña electoral, pola aposta que case todos os partidos fixeron por ela, especialmente os partidos nacionalistas. Ogallá está aposta pola participación política por medio destas redes continúe na acción de goberno. Outrosí debe suceder coas empresas e entidades que, porén, canto menos no que nós coñecemos, non teñen apenas presenza nesta rede.
A nosa aínda cativa experiencia en Facebook, sexa como usuarios ou como promotores da páxina de Xerais, levounos a comprobar a importante presenza do galego como lingua vehicular dunha boa parte dos usuarios, como a importancia que ten para a nosa lingua contar cunha versión en galego da utilidade (microsoft debería tomar boa nota). Dúas magníficas noticias a salientar, como tamén o é o alto nivel de participación dos usuarios (estes días mobilizados contra o perigo abstencionista deste domingo).
Este pulo de Facebook, como o novo xénero discursivo de twitter (a min tenme fascinado), en definitiva das utilidades das redes sociais dixitais, obrigan a repensar o papel dos propios blogs. Creo que hoxe en Internet o importante é contar cunha identidade dixital singular (sexa individual ou colectiva, no caso de grupos, empresas ou institucións), cunha voz propia que le, escribe, opina, valora e conversa empregando a riqueza e singularidade de todas e cada unha destas utilidades dixitais e xéneros discursivos. Velaí a cuestión da literacidade electrónica do que tantas veces temos falado no blog.