Onte 715: Galicia e o cliclismo
Acerta de cheo a tiriña do Bichero (beizóns, Davila!): da Vuelta o que presta é a paisaxe das Rías Baixas. A pesar da desfeita da beiramar e da onda estremecedora dos incendios forestais (u-lo presidente da Xunta?), o país noso aínda da moi ben na televisión. Mágoa da louzanada continuada destas xornadas, esa reinvención do protocolo institucional que o presidente da deputación de Pontevedra realiza recuperando un dos clásicos do fraguismo: «Quen paga, manda». Sei que foi esta a intención de Louzán e o resto de mandos vigueses do seu partido cando na saída da etapa do Náutico relegaron a un segundo plano a Abel Caballero, o alcalde de todos os vigueses, para que non saíse nas fotografías. Un feito inconcebible en calquera das cidades polas que pasará a proba; un comportamento prepotente e bochornoso de Louzán e López Chaves que amosa un nulo decoro institucional e unha notable falta de deportividade e «fair play», merecedores da desaprobación da cidadanía. Mágoa, tamén, pola ausencia de ciclistas galegos no pelotón, que se produce por vez primeira na última década; un feito ao que non é alleo o proceso protagonizado por Ezequiel Mosquera e a liquidación do Xacobeo acometida polo goberno de Feijóo. O mellor desta Vuelta, a nosa paisaxe.