Onte 1158: Chévere, premio nacional
A noticia da concesión a Chévere do premio nacional de teatro é magnífica, sobresaliente. Recoñécese a creatividade, capacidade de innovación e risco dunha compañía teatral en lingua galega capaz de resistir cunha proposta artística potente, creada en man común, no entorno da crise e da anemia brutal das políticas públicas no eido das artes escénicas. Os seus traballos máis recentes, o espectáculo Citizen, polo que gañaron o Premio da Crítica Galicia 2011, como Eurozone, polo que foron finalistas este ano, amosan a súa capacidade para conectar co público, probablemente acuñada nas numerosas representacións que realizaban na Sala Nasa, a que fora pechada pola miopía reaccionaria daquel alcalde de Compostela, que por ventura ninguén bota en falta. Este nacional tamén é dalgunha maneira un premio, unha luzada para todo o sector do teatro profesional galego, dende as súas compañías aos actores, actrices e persoal técnico, que nestes anos están vivindo os seus momentos máis críticos. Parabéns, Chévere, polo voso talento e compromiso!!!