Onte 1438: Comezou a Primaria
Onte pensei moitas veces na miña sobriña Sabela que comezou primeiro de Primaria nun centro público de Vigo. Agardo que teña moita sorte e que cada mañán a luz e as pombas entren polas fiestras súa escola. Xaora, hai razóns para a preocupación sobre o que está sucedendo no sistema educativo. A continuidade da política de recortes de profesorado e o caótico proceso de implantación dos currículums LOMCE, que modifican os procedementos de avaliación, por medio de probas externas e múltiples rexistros cuantitativos da actividade docente, agoiran outro curso difícil no ensino público. Con todo, nin os engados electorais da introdución do libro dixital e do mal chamado «ensino plurilingüe« (ese disparate de utilizar o inglés como lingua vehicular nalgunhas materias troncais como as Ciencias da Natureza en Primaria e ESO), nin sequera o debate sobre o modelo de gratuidade dos libros de texto e materiais didácticos, poden agochar que a principal doenza do noso sistema son as elevadas taxas de fracaso escolar, aínda moi lonxe do previsto na axenda europea 2020.