Edición galega en 2008
A prensa faise eco hoxe da noticia do crecemento da produción editorial en Galicia e en galego en 2008 segundo os datos do INE. O crecemento dun 60% na produción en número de exemplares, como no de títulos publicados en Galicia que pasaría de 2.364 a 3.747, déixanos un pouco incrédulos. A pesar de que agardabamos un crecemento no volume por exemplares, debido á renovación de oito cursos no sistema educativo (os tres da infantil do segundo ciclo, 3º e 4º de primaria, 2º e 4º de ESO e 1º de bacharelato) nos que se fan tiradas, na maior parte dos casos, para catro anos.
Porén, se acudimos aos datos proporcionados pola oficina do ISBN, a que vimos utilizando dende 1972 para facer o seguimento da produción editorial en Galicia e en galego, comprobamos que na edición en galego produciuse unha nova diminución no número de títulos, pasando dos 1.780 publicados en 2007 a 1.750 en 2008 (unha diminución do 1,68%, que consolida a tendencia iniciada en 2004, na que o libro galego superou acadou as 1.849 referencias, a maior marca da súa historia). Outrosí sucede cos datos do ISBN referidos á edición en Galicia que amosan a mesma tendencia a diminución, xa que dos 3.376 títulos editados en Galicia en 2007 pasamos aos 3.033 en 2008 (rompendo a tendencia de crecemento dos últimos cinco anos),
A diferenza (cando non clara contradición) entre estes datos preesentados polo INE e os do ISBN amosan a importancia de contar cun estudo de referencia sobre o estado da edición en Galicia. Nese sentido será moi boa noticia a próxima presentación por parte da Asociación Galega de Editores do seu estudo sobre o comercio interior do libro en Galicia no ano 2007. Un bo momento para clarificar as tendencias tanto na produción editorial como no mercado.
Actualización (18-03-2009): agradécese esta información moi clarificadora de Camilo Franco en La Voz de Galicia.