Onte 175: Benvido «Dioivo»!
É outra beizón contar cun novo xornal dixital en galego, Dioivo, «un medio concibido para contar e contrariar». É moi prometedora a súa declaración de intencións de facer «xornalismo para o país da chuvia», un sintagma que interpretamos como unha orballada, que vai enchoupando conciencias, mais tamén con esoutro ballón teimoso, que pode chegar a modificar vontades. Polo que poidemos ver e ler nesta súa primeira xornada o deseño e a navegación son limpos e eficaces, a axenda de temas moi ampla e prometedora, os enfoques orixinais. Unha excelente saída. Parabéns ao equipo de nove xornalistas composteláns promotores e ao seu amplo equipo de colaboradores. Longa, moi longa, vida baixo a choiva tan esperanzadora!