Onte 1819: Día do Holocausto
Non pode pasar desapercibida a data de onte, 27 de xaneiro, na que se rinde homenaxe aos seis millóns de vítimas do Holocausto. Unha data na que (dende 2005) se conmemora a liberación en 1945 do campo de exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau. Unha efeméride internacional promovida pola Unesco que nesta edición ten por tema “Educar para futuro. A función dos emprazamentos históricos e os museos na Educación relativa ao Holocausto”. Unha efeméride que nos leva a recomendar a lectura da novela de Alberto Canal, O amor nos escuros días de Birkenau, publicada hai apenas seis meses en Xerais Narrativa, un texto esencial na literatura galega do Holocausto. Nun momento tan desacougante como o actual, cando o presidente Trump promove as súas políticas xenófobas, cuxas consecuencias son hoxe impredicibles, ou cando os partidos da ultradereita aspiran a ocupar os gobernos europeos, esta efeméride que pretende educar aos máis novos na loita contra calquera forma de intolerancia e xenofobia adquire o seu maior sentido.