Onte 1310: Premio Blanco Amor en Redondela
Presentamos onte en Redondela Cabalos e lobos, a novela de Fran P. Lorenzo gañadora da XXXII edición do Premio Blanco Amor. Nesta ocasión Fran utilizou os catro booktrailers que preparou Mónica Ares para enfiar a súa intervención sobre unha novela na que confesou pretendeu mesturar tres planos, «o histórico, o íntimo e o espacial.» Xustificou o título como «metáfora do comportamento das persoas en tempos de conflito» e reivindicou a arquitectura de Francisco Castro Represas como «arquitectura patrimonial racionalista.» Nunha das súas referencias a Vigo utilizou unha frase que me pareceu memorable. «Vigo é unha cidade onde todo o mundo garda memoria das súas ofensas.» Na presentación participou tamén Javier Bas, alcalde de Redondela, que insistiu na importancia da iniciativa municipalista do premio Blanco Amor, rescatado polo seu concello o pasado ano 2014, que no actual será convocado pola Deputación de Ourense.