Onte 1768: Beiras presentou en Compostela «O encargo do señor Castelao»
Xosé Manuel Beiras presentou onte no Airas Nunes de Santiago O encargo do señor Castelao, a novela de Luís Rei Núñez. Foi un fermoso serán literario no que, ademais das intervencións literarias, Susana Recouso e Delia Corujo leron fragmentos da obra e os músicos Luís Soto e Santiago Cribeiro interpretaron o «Alalá das Mariñas» e «Lela». Comezou o seu discurso Beiras expresando «a súa declaración de amor por esta obra de Luís Rei», para argumentar, despois, que «a vinganza é o tema deste novela, un fío que se mantén ao longo de toda a narración». «Este relato, que non sei en que medida se pode chamar novela, supón a reconstrución da vida de Castelao coa intención de propoñer unha reflexión: “en que medida persoas da talla moral e ética de Castelao e Bóvieda se prantexaban que a viganza fose lexítima”.» «Esta novela fíxome pensar nos Cadernos da ira de Cáccamo e nos textos que Xosé María leu en actos pola memoria histórica, nos que a única forma de xustiza para as vítimas era recuperar os seus nomes».
Continuou Beiras salientando o carácter de contrapunto da novela, onde ademais do fío condutor da vida de Castelao, baseado nun traballo moi exhaustivo de documentación, o autor colle o de Gayoso, un dos maquis. Castelao e Gayoso foron dúas figuras distintas, ainda que estaban en conexión, ambos os dous foron represaliados no 34, os dous estiveorn nos remuíños do século XX, fose en Moscova, Nova York ou Bos Aires, algo enormemente esquecido.» Rematou Xose Manuel Beiras reflexionando sobre a situación política actual: «Estamos hoxe na mesma posición dilemática doutrora. Vivimos no único páis de Europa onde un golpe de estado fascista e unha guerra civil aínda non rematou, como proba que esteamos padecendo un golpe de estado parlamentario.»