Onte 1175: A primeira receita do polbo
Na presentación que onte fixo en Ferrol d’ O polbo e a súa cociña, Matilde Felpeto, despois de referirse á presenza dos polbo nos libros de cociña máis antigos, dende o século XIV e XVI, do tratamento despectivo que recibiu no Picadillo e nos libros da Pardo Bazán, así como a reivindicación que do polbo fixeron Cunqueiro, Araceli Filgueira e Carmen Parada,revelou a primeira receita documentada protagonizada polo rei da cociña galega dos mares. Un valioso documento da cultura clásica para a cultura gastronómica de noso aparecido no século I en De re coquinaria, a quinta receita da parte nona, Thalassa mare, que reza do seguinte xeito: «Servirás o polbo ná mesa con pementa, salsa de aceite derretido e benjui«. Unha receita que a pesar da súa brevidade constitúe un claro precedente do «polbo á feira», un dos patrimonios galegos da humanidade. Como boa mugardesa, Matilde non perdeu a ocasión de confesar que para ela é na ría de Ferrol onde se pescan os mellores polbos do mundo. Un magnífico serán para a nosa cultura gastronómica.