Onte 612: Segunda
Tras a derrota co Betis, o Celta arruinou as probabilidades matemáticas de permanencia, xa que as deportivas hai semanas que as foi dilapidando. O fracaso desta tempada do regreso debeuse a diversos factores. Probablemente a primeira clave estivo na errada planificación do cadro de xogadores, especialmente á que atinxe ás fichaxes internacionais, que non foron capaces de compensar as carencias da canteira galega. Nin Krohn nin Augusto, os dous xogadores de mellor calidade estiveron ao longo da tempada no nivel medio que deles se podería agardar. O de Park foi un camelo, que lembrou a aquel Xaburú de comezos dos sesenta, a figuriña exótica que nunca estourou. O de Pranjic, un misterio por descubrir. O de Demivod, un constante querer e non poder. E o de Orellana, o fracaso das expectativas sobre un xogador ao que os seareiros celestes axudamos, inxenuamente, a subir o prezo da súa fichaxe. A segunda clave do fracaso foi a contratación de Abel Resino, un teórico «especialista en xestionar as xornadas finais», que demostrou descoñecer a identidade do noso club e utilizar esquemas de xogo moi pouco actualizados. O porteiro atlético nin por temperamento nin por coñecemento nin por actitude era un adestrador axeitado para nós. Por riba, o equipo quedou sentenciado pola caverna deportiva madrileña (con De la Morena á cabeza) tras o episodio co seu amigo, o facha Ballesta. Un causalidade ou casualidade na que puidemos acereditar onte cando lle foi anulado a Túñez un gol absolutamente legal (que nos metía outra vez no partido e, quizais, na liga) ou diante do Atlético de Madrid que obtivo os seus tres tantos en fóra de xogo, por só citar dúas arbitraxes que adoptaron decisións desafortunadas. Tamén influíu o fracaso no derradeiro treito da liga de Iago Aspas, que arruinou en Riazor o que até entón fora unha tempada formidable (a do «Messi galego»), arrastrando coa súa sobreexcitación ao seu equipo ao precipicio. Como tampouco a sorte acompañou ao equipo con lesións gravísimas de xeonllo de tres dos seus xogadores, Samuel, Hugo Mallo e o afouto Mario Bermejo. Toca volver empezar en Segunda, recuncar co proxecto ilusionante de canteira, onde polo visto co equipo xuvenil, subcampión de copa, enxergamos un futuro alentador. Agora a directiva debe facer o seu traballo para fichar un novo equipo técnico, tanto na secretaría técnica coma no banco, xa que nin Torrecilla nin Resino poden continuar. Ánimo corazóns celestes!!!